Música, natureza, astronomía e deporte neste Verán no Gaiás

Gozar da mellor música do momento ao caer o sol, durmir entre a natureza, contemplar as estrelas, revivir a maxia do circo ou descubrir as últimas tendencias da arte contemporánea. Estas son algunhas das propostas da Cidade da Cultura para que vivas este Verán no Gaiás.

Clásicos como Atardecer no Gaiás, Cidade Imaxinaria, as Visitas Astronómicas e Camiño ao Gaiás volven puntuais a súa cita co período estival. Do 6 de xullo ao 26 de agosto, a praza central volverá vibrar coas mellores bandas do momento, cun Atardecer no Gaiás que neste 2017 terá un sabor moi galego. Triángulo de Amor Bizarro, Malandrómeda, Familia Caamagno, Músculo!, Terbutalina ou Víctor Prieto serán algúns dos nomes que soarán neste ciclo de concertos aire libre polo que tamén pasará o pop de Manel, o rap de C. Tangana ou os sons electro pop de Hidrogenesse. Tedes tdda a información en www.atardecernogaias.gal. Pequenos e non tan pequenos deberán marcar o 19 de agosto nos seus calendarios porque o Gaiás celebrará a sétima edición de Cidade Imaxinaria, toda unha xornada chea de extranos personaxes, xogos ao aire libre e espectáculos itinerantes. O xoves será o día de Camiño ao Gaiás, que este ano non só descubrirá novas rutas de subida á Cidade da Cultura, senón que fomentará os hábitos de vida saudables e o coñecemento do noso patrimonio tamén en sesión nocturna. E tamén de noite, pero os sábados, terán lugar as tan demandadas Visitas Astronómicas, unha oportunidade distinta para observar o ceo.

Música e natureza centrarán as novidades deste ano. Os espazos verdes serán protagonistas de Unha noite no bosque, nas que os máis cativos pasarán unha noite de acampada no Bosque de Galicia tras unha xornada dedicada a coñecer a flora, a fauna e a importancia do patrimonio ambiental. E do bosque á praza central, onde terán lugar dúas citas musicais ineludibles: o II Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, que reunirá o 9 de xullo a preto de 500 músicos de toda Galicia; e a Final da Liga Galega de Bandas de Gaitas, o 29 de xullo. 

A arte contemporánea tamén terá o seu oco neste Verán no Gaiás 2017, coa celebración do 27 ao 31 de agosto dunha nova edición do Encontro de Artistas Novos. Un total de 40 creadores emerxentes presentarán as súas propostas en diálogo constante con artistas consolidados como Xosé Artiaga, María Cañas e Berta Álvarez Cáccamo. Neste marco, as Torres Hejduk acollerán unha nova intervención artística: A través dun horizonte sen corpo de Fredy Solano.

A programación da Cidade da Cultura para este verán complétase coas exposición Da árbore á cadeira, que convida a realizar unha viaxe emocional dos bosques ao deseño contemporáneo; Flor Novoneyra, o testamento pictórico de Antón Lamazares; Balnearia Bibliográfica, un percorrido polas augas minerais e termais de Galicia; A liña Hejduk de Irma Álvarez Laviada, na que se desvela a terceira torre do Gaiás; e Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro, na que descubrir a historia do primeiro arquiveiro do Reino de Galicia. E aqueles que queiran coñecer mellor a Cidade da Cultura, os meses de xullo e agosto, o complexo ofrece visitas comentadas de martes a domingo ás 11 da mañá. E ás 12 en inglés. 

Santiago de Compostela, 14 de Xuño de 2017