Typewriter, 120 máquinas de escribir para revivir a historia

Sholes & Glidden, Underwood nº5, Crandall New Modell. Sóanvos estes nomes? Son todas máquinas de escribir, pezas únicas que poderás ver desde mañá e ata o 9 de outubro no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, dentro da exposición Typewriter, a historia escrita á máquina.

En plena era dixital, as máquinas de escribir pasaron a ser case reliquias que nos retrotraen a épocas máis románticas nas que literatos, guionistas, xornalistas ou oficinistas traballaban entre carretes de cinta, líquido corrector e o entrañable son que se producía ao teclear nas súas inseparables máquinas, cos dedos manchados de tinta.

Agora, podes revivir a historia a través dunha exposición que achega a Galicia a prestixiosa colección Sirvent, posuidora dun legado que abarca máis de 3.500 pezas. No Gaiás poderás ver 120 delas, entre as que se atopan a mítica Sholes & Glidden -coñecida mundialmente como The Typewriter- a primeira máquina de escribir producida comercialmente e que traballaba unicamente con maiúsculas, a Crandall-New Modell, con decoracións de ouro e nácara; a Thürey, que asemella a un instrumento musical e da que só se coñecen cinco en todo o mundo; a Brooks, que imprime de atrás cara a diante...

Atoparás máquinas de escribir normais, de escribir música, de taquigrafía, de escritura en braille, encriptadas para espías, de abecedario xaponés ou árabe… Acompáñanos neste percorrido pola historia e imaxina que novelas, que mensaxes, que guións, que segredos, que documentos pasarían por entre as teclas destes obxectos, testemuñas mudas dun tempo que foi.

Typewriter, a historia escrita á máquina estará aberta ao público desde mañá e ata o 9 de outubro no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura. Vas perder de vela?

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 24 de Xuño de 2012