Guía completa para gozar da Cidade Imaxinaria retrofuturista de 2017

Burbullas xigantes con formas espectaculares, ritmos de batucada steampunk, trapecistas, escola de circo, un batería acróbata, unha obra teatral enriba dun trapecio de balanceo, xogos de enxeño e ata un circuíto de monociclos están a esperarvos na Cidade Imaxinaria deste sábado, 19 de agosto.

Oito horas de diversión baixo o paraugas da estética retrofuturista do steampunk onde non faltarán postos de comida e larpeiradas, nunha xornada pensada para que grandes e pequenos vos sintades verdadeiros protagonistas de historias fantásticas como as de Julio Verne, H.G. Wells ou  Arthur Conan Doyle. Aquí vos ofrecemos algunhas claves para que non perdades absolutamente nada.

 

Durante toda a xornada

Durante todo o día -de 11 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas- contaredes con varias plataformas de xogos nos que tanto pequenos como adultos teredes que agudizar o enxeño:

- Os amigos de Crusó: Grandes e pequenos gozaredes en familia de xogos autómatas de gran formato: un paxaro que bate as ás por riba do público ou unha tartaruga que pon e enterra os ovos na area da praia, á vez que resolverán en equipo e con enxeño divertidos quebracabezas.

- Taller de monociclos e xirociclos cos que pilotar divertidas carreiras.

- Parada en boxes: poredes a proba a vosa habilidade e destreza para cambiarlles, no menos tempo posible, as rodas a un coche con estética retrofuturista, como non podía ser doutro xeito nesta Cidade Imaxinaria steampunk.

- Circo en familia: equilibristas, malabaristas e trapecistas que vos convidarán a vivir en primeira persoa a pura esencia do circo con obradoiros programados ao longo de todo o día, nos que dar os primeiros pasos para ser futuros profesionais de calquera destas disciplinas.

Estade moi atentas e atentos ás dúas sesións de obradoiros de burbullas que contaredes ás 16.45 e ás 19.30 horas para experimentar en primeira persoa a maxia de crear vós mesmos todas as formas posibles que imaxinedes.

 

Espectáculos itinerantes

Luces do tempo (13.45 e 19.15 horas), cores e sorprendentes burbullas xigantes encherán o ceo do complexo do Gaiás para recrearvos un espazo e tempo de fantasía propio do steampunk, ao que contribuirán os ritmos da batucada steampunk (14, 16.15 e 20 horas).

 Os músicos desta formación serán os encargados de poñerlle banda sonora a este universo retrofuturista, recreado a través de espectáculos e artefactos itinerantes xigantes e/ou ben orixinais, entre os que vos atoparedes unha balea-submarino (11.30 e 16.45 horas), un rodafonio (11, 17.15 e 19 horas) e unha velocípedia (12.25 e 18.20 horas) que levarán risas, música, diversión e maxia a cada recuncho da Cidade da Cultura, desde a praza Central ata as zonas verdes e de descanso: Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o parque do Lago.

 

Escenario principal

A praza central contará, de novo, cun escenario principal, que acollerá varios espectáculos que vos introducirán no mundo do circense e farán máis real aínda esa viaxe ao pasado que supón tamén o steampunk. Ás 11.00 e ás 17.45 horas poderedes gozar Musicoloco. Trátase dun número de malabares con batería, da que saen composicións fantásticas grazas a abraiante destreza circense do artista, da que dá boa conta o feito de que un vídeo deste espectáculo superase nas redes os 13 millóns de visitas en apenas uns días.

 As burbullas xigantes tamén se farán co escenario principal nun espectáculo con dous pases (16 e 18.45 horas) para que comprobedes as formas incribles que se poden facer e que, de seguro, non vos veredes tentados a estoupar.

 O mundo do circo nunca deixa de estar presente en Cidade Imaxinaria e ten un lugar protagonista tamén neste espazo co espectáculo Máis alto aínda (11.30 e 16.45 horas), onde ides quedar abraiados coas cordas áreas e hula-hoop da compañía Desastronauts.

 No espectáculo Do not disturb (19.30 Horas) recrearase un día de traballo nunha fábrica de principios do século XX con catro personaxes singulares, levados ao límite do risco, do absurdo e sobre todo, da tenrura. Diversión garantida.

 E que a fin de festa nos e vos colla bailando! (20.25 horas) E se é cos ritmos que marcarán a ducia de músicos da batucada steampunk, mellor. Todos eles caracterizados coa estética retrofuturista que farán das súas actuacións un espectáculo visual a admirar.

 

Sorte de camisolas steampunk

Queredes campar cunha das carismáticas camisetas steampunk da Cidade Imaxinaria deste ano? Facédevos socios/as do Club Gaiás e participaredes nun sorteo para presumir de indumentaria retrofuturista. Os que xa sexades socios/as tamén estades convidados ao sorteos, que se farán ás 14 e 20 horas no Punto de Información. 

Visitas comentadas ás exposicións do Museo Centro Gaiás

Cidade Imaxinaria é unha oportunidade única para gozar en familia do lecer, da diversión e tamén da arte. Aproveitade a xornada para coñecer as exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra. Se non queredes perder nada, ás 12.30 e 17.30 horas, contades con visitas comentadas e de balde.

Comida e postos de restauración

Para aqueles que queiran gozar de Cidade Imaxinaria durante todo o día, ao mediodía disporán de varias opcións. Así, a Cantina do Gaiás disporá de menú do día, servizo de restaurante cunha carta reducida e posto de hamburguesas.

Ademais, preto das Torres Hejduk instalarase unha zona de relax e descanso cun foodtruck de polbo (A Polboneta) e tamén postos de canciños quentes, flocos de millo, algodóns de azucre e xeados artesáns (Xearte Brigitte) para o momento das larpeiradas ou/e un extra de doce para recuperar forza e enerxías.

Servizo de buses

O acceso á Cidade da Cultura poderá facerse en vehículo privado, ata completar os 6 parkings dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia. Ademais, poderase acceder a través da liña 9 do bus urbano, con horario especial. O servizo de mañá terá saída desde Casas Novas cada 60 minutos entre as 8:30 e ás 13:30. O de tarde sairá desde a mesma Praza de Galicia cada 40 minutos entre as 14:20 e as 21:00 horas. O último bus desde o Gaiás será ás 21:20 horas.

 

 

Santiago de Compostela, 17 de Agosto de 2017