Vive o Nadal no Gaiás con xogos, teatro, obradoiros e música

Teatro, xogos, obradoiros e, por suposto, música. A Cidade da Cultura convida a todos os galegos a vivir este Nadal no Gaiás cun programa de actividades do 21 de decembro ao 3 de xaneiro especialmente deseñado para gozar en familia.

Nadal no Gaiás arranca e remata con música. O arranque será o venres 21 de decembro ás 19 horas con Berrogüetto en concerto, unha actuación dunha das mellores bandas de folk galego na que pais e fillos aprenderán xuntos o funcionamento da zanfona, do violín ou do acordeón nunha experiencia musical didáctica sen precedentes. E dun concerto didáctico a un solidario, porque o 3 de xaneiro, o Centro de Innovación Cultural acollerá Cancións por regalos, unha actuación coa que os máis pequenos terán a oportunidade de descubrir a música alternativa en compañía dos seus pais. Unha iniciativa redonda na que todos gañan, xa que mentres o espectador leva para casa unhas cantas cancións para o recordo, aqueles que máis o necesiten terán unha sorpresa o Día de Reis: o regalo que se elixa como entrada.

Para exercitar a imaxinación dos máis pequenos e fomentar a súa creatividade, a Cidade da Cultura celebrará ao longo destas datas catro obradoiros totalmente de balde que só precisan inscrición previa en cidadedacultura.org. Trátanse de Unha árbore de Nadal. Mans á obra!, Os regalos son cousa miña, Enredando con xoguetes tradicionais e Decorando galletas.

O teatro tamén terá cabida neste Nadal no Gaiás. O 23 de decembro, os nenos poderán gozar cos monicreques Arxina e o Felo, unha obra coa que coñecer o día a día dun dos oficios máis vencellados a Galicia: o de canteiro, a través de dous divertidos personaxes, Garabullo e Mangarrias. E do 27 ao 30 de decembro, o visitante que decida achegarse á exposición Gallaecia Petrea poderá vivir unha viaxe única e irrepetible: un percorrido no que un guía moi especial amosará os tesouros e a maxia que habita nas pedras.

Concurso de postais

A Cidade da Cultura tamén anima os máis pequenos da casa a ser parte desta festa a través dun concurso de postais no que imaxinar o seu propio Nadal no Gaiás. Participar é moi fácil: colle a plantilla, pinta o teu Nadal no Gaiás e envíanos a postal por correo (electrónico ou postal) ou deposítaa no buzón do Museo Centro Gaiás antes do 20 de decembro. As bases poden consultarse en cidadedacultura.org. As tres máis orixinais recibirán un completo plumier e unha entrada triple para a función de teatro O Arxina e Felo, que terá lugar o 23 de decembro no Gaiás. A postal gañadora convertirase, ademais, na tarxeta electrónica coa que a Cidade da Cultura felicitará estas festas a todos os galegos.

En familia
Santiago de Compostela, 04 de Decembro de 2012