Hatshepsut: a muller faraón que a Historia tentou borrar a martelazos

Malia o que poidamos crer, os faraóns non sempre foron homes. Unha das señoras das Dúas Terras que podemos rastrexar a través dos séculos foi Hatshepsut, que gobernou entre c. 1472 e 1458 a. C. Esposa de Tutmosis II, trala súa morte comezou unha co-rexencia co seu sobriño e fillastro, quen se convertería en Tutmosis III e daquela era só un cativo. Hatshepsut proclamaríase faraón pouco despois. Non foi a primeira muller en facelo, pero o seu goberno sobresaíu pola súa estabilidade e prosperidade: durante máis de 20 anos estableceu novas relacións comerciais e mandou edificar numerosos templos e construcións nos que os arqueólogos poden trazar parte da súa vida.

Iconograficamente aparece representada case sempre coma un home e seguindo os cánones de imaxe que correspondían aos rexentes divinos do momento -a barba o tocado, a coroa...-, e en Faraón. Rei de Exipto podedes descubrir a súa historia a través de pezas coma esta estela cos cartuchos de Hatshepsut e Tutmosis III, malia que o emblema da muller Faraón tentase ser borrado da existencia a martelazos. É moito o que descoñecemos sobre Hatshepsut e sobre os motivos que provocaron que en numerosos restos arqueolóxicos se cincelase o seu nome, ou directamente se omitise das listaxes de faraóns, nun torpe intento de facer desaparecer da Historia o seu legado. 

O de Hatshepsut é só un dos múltiples fíos dos que podedes tirar nesta exposición para mergullarvos en 3.000 anos do imperio exipcio. Lembrade que podedes visitar a mostra con entrada libre e de balde -de martes a domingo e de 10 a 20h- e que non hai que reservar praza previamente. Iso si, tende en conta que por mor da covid-19, a capacidade do Museo está ao 50% da habitual, polo que o acceso ás salas pode estar limitado en determinados momentos de moita afluencia. A primeira hora adoita haber menos visitantes e minimízanse os tempos de agarda.

https://bit.ly/Faraon_ReideExipto

#BritishCidadedaCultura #ExiptoCidadedaCultura | Fotos: Manuel G. Vicente

Santiago de Compostela, 29 de Abril de 2021