Por que a vieira é o símbolo do peregrino?

O bordón, a cabaza e a vieira. Estes son os tres símbolos do peregrino por excelencia. Mais só un identificaba ao camiñante que, tras alcanzar a súa meta, regresaba ao seu lugar de procedencia. Falamos da cuncha, un elemento que co paso dos séculos se convertiu en símbolo de xenerosidade, unha virtude que, desde o momento no que se chegaba o final do Camiño, debería acompañar ao camiñante o resto dos seus días.

Co paso dos séculos, a cuncha de vieira pasou a ser un símbolo máis da ruta xacobea, un feito que comezou a popularizarse a partir do auxe das peregrinacións nos séculos XI e XII e que pode verse en moitas das obras que integran a mostra Camiño. A orixe, en exposición no Museo Centro Gaiás ata o vindeiro 13 de setembro. De entre todas elas, quizáis a máis destacada sexa un busto de Santiago procedente da igrexa de Saint Pierre D’Auch (Francia), feito en cerámica esmaltada e datado no século XIX, que pode verse no pirmeiro andar na parte da mostra dedicada ao Camiño.

Pero, que convertiu á cuncha deste molusco nun símbolo do Camiño? Existen moi diferentes teorías, mitos e lendas sobre as súas orixes. A máis aceptada é que a cuncha foi utilizada como un vaso natural perfecto. Os peregrinos que chegaban a Santiago as recollían para beber nos mananciais e ríos no camiño de regreso.

Existen outras teorías máis simbólicas que ven na vieira unha estilización da pata dunha oca, símbolo para moitas tradicións antigas de recoñecemento iniciático. E outras incluso apuntan á vieira como símbolo de Venus, representación do renacer dunha persoa, a súa resurrección e, polo tanto, da superación da morte e tamén do ego (egoísmo e egocentrismo) para dar paso ao auténtico eu (sinxeleza e humildade).

Por suposto tamén existen lendas vinculadas aos milagres do Apóstolo. Con diversas variantes, a máis extendida é a que conta como un cabaleiro, mentres paseaba pola praia, viu aproximarse un barca a punto de naufragar. Disposto a prestar a axuda aos que serían inevitablemente próximos náufragos, o cabaleiro dispúxose a cabalgar entre as augas cando, de repente, unha onda xigante o arrastrou ata o fondo do mar. Véndose perdido invocou a Deus e, nese instante, sentiu unha forza sobrenatural que o enviaba cara á superficie, arrastrádoo ata a beira. Cando se viu a salvo e en terra, comprobou que a barca era a que transportaba os restos do Apóstolo e que tanto el como o seu cabalo estaban completamente cubertos de cunchas de vieira. A salvación do cabaleiro considerouse un milagre do Apóstolo Santiago polo que, desde ese momento, vieira e Apóstolo quedaron unidos para sempre e a cuncha pasou ser o símbolo máis importante dos peregrinos.

A pesar de todas as suposicións, o único certo é que a súa orixe como símbolo peregrino non está nada clara e que non existe ningunha teoría aceptada ao cento por cento. Do que si non hai dúbida é que a venda destes obxectos foi un negocio moi lucrativo na cidade de Santiago. Na porta de Azabachería, onde se asentaron os artesáns, vendíanse de chumbo, óso, marfil e metais fermosos. O negocio foi tan próspero que rápidamente foi regulado pola Igrexa –que se quedaba co 33% das ganancias- e mesmo se chegou a prohibir a súa venda fóra de Compostela, baixo pena de excomuñón.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 04 de Agosto de 2015