«Se sab’ora meu amigo com’eu senneira estou»



«Ay Deus, se sab’ ora meu amigo

com’ eu senneira estou »

(Ai Deus, se sabe agora meu amigo

como de soa estou) 

 

Ousamos facer un pouco nosa a IV Cantiga de Amigo de Martín Códax para reflectir ese sentimento de certa perda que supón o regreso á Morgan Library & Museum de Nova York dun dos fitos da nosa cultura como é o Pergamiño Vindel. O Museo do Mar de Galicia en Vigo expuxo durante seis meses esta xoia da lírica medieval galego-portuguesa nun proxecto expositivo que se clausura este domingo, día 4. No entanto, ese desacougo que provocan as despedidas vese totalmente compensado pola ledicia de ter tido a posibilidade de contemplar tan de preto este documento único. 

Por este motivo, a Cidade da Cultura celebra este venres un concerto de despedida, á altura de tan insigne manuscrito, único dos tres medievais que se conservan na actualidade que integra texto xunto con notación musical. Neste senso, o seu valor é soamente comparable con Caioneiro da Ajuda e as sete Cantigas de Amor compostas polo rei de Portugal Dom Dinis.

Precisamente, algunhas destas cantigas que compoñen o Pergamiño Sharrel, xunto seis das sete das Cantigas de Amigo de Martín Códax serán interpretadas este venres no Museo Centro Gaiás pola prestixiosa formación Esemble Micrologus. Aclamada a nivel internacional no ámbito da música antiga, este grupo é coñecido polo rigor nas súas interpretacións historicistas. É dicir, o máis pegadas ao que sería a interpretación na época en que foron compostas, no medievo, neste caso. Isto conségueno con estudos exhaustivos que lle permiten ter a visión —o máis aproximada posible— de como se tocaban na época, tanto vogal como instrumentalmente. Para iso, as súas actuación son con reproducións exactas, realizadas por luthiers, dos instrumentos que existían no medievo.

CONCERTOS QUE SE APROXIMAN A UNHA FESTA MEDIEVAL

Os membros da Ensemble Micrologus perfeccionaron tanto o seu xeito de interpretación que o que poderá verse este venres, a partir das 20.30 horas, no Museo Centro Gaiás, supera a idea dun concerto para ser máis semellante ao que podería ser unha festa medieval. De aí que este concerto-despedida teña ese carácter que se quere dar de ledicia por ter tido durante todos estes mes este cumio da poesía vernácula e da música non relixiosa, e mais nun espazo como o Museo do Mar de Galicia, fronte a Ría de Vigo, que inspirou dun xeito tan fondo e determinante as Cantigas de Amigo de Martín Códax, ata o punto de ser non só o escenario da espera do amigo-amado senón un protagonista imprescindible do relato.

O Pergamiño Vindel que despedimos no Gaiás este venres foi durante anos o único exemplo deste tipo de notación de escritura musical profana que ata o seu achado críase que só se transmitía de xeito oral. Lamentablemente das sete, quede unha cantiga sen música. Para suplir esta falta musical, no concerto Os sons do Vindel. Músicas da Península Ibérica no S. XIII  a poeta galega Dores Tembrás recreará a sexta cantiga dándolle musicalidade co seu recitado. Sen dúbida unha interpretación e concerto á altura da peza homenaxeada que despedimos desde o Monte Gaiás.

Para facervos unha idea do que poderedes gozar este venres no Museo Gaiás con Ensemble Microlgous, velaquí vos deixamos un enlace a un concerto da formación interpretando, dun xeito historicista, As Cantigas de Santa María, compostas polo rei Alfonso X ‘O Sabio’: http://www.youtube.com/watch?v=8Rk2mI3Gf7M

 

Música & Escena
Santiago de Compostela, 27 de Febreiro de 2018