Catálogos | As 19 novas vidas das exposicións do Gaiás

Grazas aos catálogos as exposicións non esmorecen nunca. Cando se clausuran, continúan vivas nestas publicacións (en formato papel ou dixital) para volver a descubrilas doutro xeito, a través das achegas que recollen os textos das e dos comisarios e expertos e a través do novo e enquirecedor relato visual que lle aporta e potencia o traballo dos e das profesionais que hai sempre detrás do seu deseño

E ese traballo ás veces ten o merecido premio. Precisamente, un dos nosos catálogos, o da exposixión sobre artesanía galega, «Pensar coas mans», acaba de ser nomeado como finalista na categoría de ‘Mellor Libro do Ano’ nos Paraugas-Premios da Comunicación e do Marketing Galego e cuxos galardóns daranse a coñecer esta noite nunha gala en liña. Un recoñecemento a este deseño do estudio de Desescribir, que se suma a súa inclusión nos Premios LAUS 2020 da Asociación de Deseñadores Gráficos e Directores de Arte (ADG-FAD).

O de Pensar coas mans é un dos 19 catálogos publicados das exposicións do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia e para os que sempre se procura contar con deseñadores/as e estudios de prestixio, como é o caso de cenlitrosmetrocadrado para o «Da árbore á cadeira»; Pepe Barro para «Con-Fío en Galicia»; Uqui Cebra para  «Gallaecia Petra»; NUMAX para a mostra de «José Suárez. Un ollos vivos que pensan»; Desoños para «Galicia Universal»; ou Roi Fernández para «CineGalicia 25».

Todos eles son unha importante peza máis da mostra que lle dá valor engadido, tanto polas achegas das e dos comisarios e expertos, como polo coidadoso e profesional traballo que hai detrás de cada unha destas edicións e que converten estas publicacións en pequenas xoias de papel.

Santiago de Compostela, 11 de Febreiro de 2021