O pop anglosaxón de Jonquil pecha o Atardecer no Gaiás

Atardecer no Gaiás chega ao seu fin. E o vindeiro 8 de setembro, a praza exterior da Cidade da Cultura convertirase nunha auténtica festa. A banda británica Jonquil será a encargada de poñerlle o broche de ouro a este ciclo co seu pop anglosaxón, precedido dos ambientes sensoriais e musicais creados polo vigués Galis 115.

A partir das 21:00 horas e con entrada totalmente de balde, o concerto de despedida de Atardecer no Gaiás suporá o inicio da xira de presentación de Point of Go, o útlimo disco dunha banda que irrumpiu no panorama británico no 2006 cun son electrónico que se misturaba con ecos folkies. Jonquil despregará no Gaiás os temas dun traballo que se achega ao pop de corte clásico, cos seus admirados The Smiths como oráculo e múltiples referencias aos sons coetános do indie pop anglosaxón máis fresco, desde Vampire Weekend ata Fleet Foxes.

E antes de que Jonquil salte ao escenario, Galis 115 amenizará a primeira parte desta festa de despedida de Atardecer no Gaiás creando ambientes non só musicais senón sensoriais, conxugando ritmos que van dende o down tempo e o triphop ata o hiphop instrumental ou a electrónica experimental, aínda que calquera efecto sonoro é benvido para poder ampliar as sensacións e conformar unha historia.

Estades todos convidados a este fin de festa de luxo que non podedes perdervos.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 30 de Agosto de 2012