Agosto despídese a ritmo de música no Gaiás

Agosto despídese na Cidade da Cultura a ritmo de música, a que nos trae unha semana máis Atardecer no Gaiás, o ciclo de actuacións en pequeno formato que se celebra na praza central do complexo deseñado por Peter Eisenman.

O rhythm and blues chega ao Gaiás da man de The Allnight Workers, banda con base en Meaño (Pontevedra) que ofrece un directo divertido, elegante e salvaxe. Nas súas actuacións abraza o R&B, o swing, o jazz máis cool, o estilo crooner e toda a música afroamericana xurdida entre a década dos anos 20 e 60 do século XX, nos que se inspira o seu repertorio de colleita propia.

E do r&b á clásica, co Atardecer Escandinavo a cargo da Orquestra de Cámara Galega que, baixo a batuta de Rogelio Groba, interpretarán este venres pezas de Halvorsen, Grieg, Nielsen e Sibelius.

Para despedir agosto e darlle a benvida a setembro, o sábado día 1 poderemos gozar con Escuchando Elefantes, o dúo formado polos coruñeses Carlos e Silvia, que creceron escoitando a Bob Dylan entre outros grandes do folk rock americano. Tras percorrer as rúas de Europa interpretando os seus temas e versións, chegan ao Gaiás para presentar as cancións que xurdiron nese proceso e incluídas no disco Show & Tell.Como todo o ciclo, as actuacións teñen lugar ás 21:00 horas na praza exterior do Gaiás, á que se pode acceder nas liñas 9 e C11 do autobús urbano.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 27 de Agosto de 2012