Seis días para vivir a arte en primeira liña

Seis días. Cen creadores nacionais e internacionais. Un espazo para o diálogo, a convivencia e o intercambio de ideas. Aínda non te inscribiches no I Encontro de Artistas Novos? Tes ata o 15 de xullo!

Gustaríache compartir seis días cheos de actividade con cen artistas novos nacionais e internacionais? Participar nun encontro con artistas como Antonio Ballester, Daniel Canogar, Carles Congost, Victoria Diehl, Suso Fandiño, Pierre Gonnord, Cristina Lucas, Rubén Ramos Balsa, Fernando Sánchez Castillo ou Jose Luís Serzo? Intercambiar experiencias con directores de museos, axentes culturais, historiadores da arte, comisarios e editores culturais...?

Pois todo isto é o que che ofrece o I Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, un espazo de convivencia, diálogo e debate sobre a arte contemporánea que se celebrará do 4 ao 9 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia.

Ademais, no marco desta iniciativa realízase o “Foro Aberto”, onde a 30 creadores mozos terán a oportunidade de expoñer publicamente os seus propios proxectos artísticos.

Se queres vir, tes que te inscribir para optar a unha das cen prazas que convoca a Fundación Cidade da Cultura. A organización correrá cos gastos de inscrición, aloxamento en réxime de pensión completa no Monte do Gozo, os transportes diarios entre o Monte do Gozo e o Gaiás e as viaxes para visitar outros centros culturais.

Consulta aquí as bases e o programa. E non perdas esta oportunidade de vivir a arte e a cultura en primeira liña. Esperámoste!

Santiago de Compostela, 30 de Xuño de 2011