Viaxa coa Cidade da Cultura polas orixes do cómic

Manuscritos inéditos, ilustradores descoñecidos, viñetas pioneiras e autores consagrados. Estes son os compañeiros cos que a Cidade da Cultura convida a todos os visitantes a iniciar unha viaxe única pola historia da banda deseñada galega. O fío condutor corre a cargo da exposición Orixes do cómic en Galicia, unha mostra comisariada por Rosario Crespo que ofrece un percorrido cronolóxico dende a década de 1880 ata 1960 polo traballo dos ilustradores galegos que sentaron as bases dunha arte que vive momentos álxidos.

Dende a primeira tira cómica en galego ata viñetas de Camilo Díaz Baliño, de Maside ou de Castelao. Tras un labor de investigación e rastrexo por hemerotecas, arquivos, museos, bibliotecas e coleccións particulares, Orixes do cómic en Galicia presenta pezas únicas aparecidas en revistas periódicas de contido humorístico ou satírico, xornais e, posteriormente, en publicacións especializadas que se enchen de ilustracións cun contido que vai desde a crítica de costumes ata a sátira social ou política.

Grandes descoñecidos como Gerardo Castaño ou Lino González Rubido comparten protagonismo con destacadas figuras da ilustración como José María Cao, Manuel Bujados, Manuel Torres, Fernando Ribas, Máximo Ramos, Díaz Baliño ou Maside nunha viaxe polas historias ilustradas na que tampouco faltan as viñetas de Castelao ou Eduardo Blanco Amor e Ramón Cabanillas, no papel de guionistas. Un percorrido pola historia do cómic pero tamén da traxectoria creativa de todos eses autores que contribuíron, tanto dende Galicia como dende Madrid e, moi especialmente dende Latinoamérica, a que a banda deseñada sexa un xénero de peso na Galicia actual.

De forma paralela á exposición Orixes do cómic en Galicia, a Cidade da Cultura pon en marcha o concurso “Crea a túa propia banda deseñada” no que os participantes poderán demostrar as súas dotes como ilustradores. Organizado en tres categorías (infantil: ata 12 anos; xuvenil: de 13 a 17 e adulto: a partir de 18 anos), as historias, escritas en lingua galega, deberán ter como escenario o complexo do Gaiás.

Os traballos non excederán as dez páxinas ademais da portada e poden ser en branco e negro ou en cor. Os cómics deberán enviarse antes do 14 de maio á dirección de correo electrónico online@cidadedacultura.org cun peso de arquivo máximo de 10 MB e cada peza levará o nome de autor, idade, enderezo, correo electrónico e documento de identidade escaneado. O gañador de cada categoría recibirá como premio unha tableta gráfica, coa que poder introducir gráficos ou debuxos a man, tal e como o faría con lápiz e papel.

O fallo do xurado terá lugar o 11 de xuño, un día despois da clausura da exposición Orixes do cómic en Galicia e os nomes dos gañadores daranse a coñecer na páxina web da Cidade da Cultura.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 28 de Marzo de 2012