Xoias que falan a través de 6.000 anos de historia: a peza máis antiga de 'Galicia, un relato no mundo'

Exposicións & Intervencións

Para atopar a peza máis antiga da exposición Galicia, un relato no mundo temos que remontarnos máis de seis milenios atrás, ao momento no que unha distinguida personaxe foi soterrada nun túmulo no actual concello de Silleda. No seu enxoval mortuorio incluíase un colar de ámbar e variscita, dous materiais que nos falan das relacións comerciais que os habitantes do territorio galego mantiñan hai máis de seis mil anos xa que a variscita, un mineral escaso, foi empregado para xoias e tamén obxecto de intercambio nas sociedades prehistóricas. Neste colar, datado arredor do 4.300 a.c., a variscita pode proceder das zonas de Zamora ou Huelva, mentres que a procedencia xeolóxica do ámbar é esóxena, posiblemente simetita siciliana.

O colar conservouse soterrado durante milenios no dolmen da Chousa Nova (Silleda), onde apareceu cando, con motivo das obras do AVE entre Santiago e Ourense, un equipo arqueolóxico escavou o túmulo na súa integridade, atopándose cun dolmen anterior aos grandes monumentos megalíticos galegos de Dombate ou Forno dos Mouros, e un dos únicos dolmens do noroeste peninsular que se descubriron intactos sen ter sido previamente expoliados.

A relevancia dos achados provocou cambios na construción do AVE e, aínda que o trazado da vía non cambiou, deseñouse un falso túnel e o túmulo e as lousas da cámara de Chousa Nova foron recuperadas e dispostas de novo, no seu emprazamento orixinal, sobre o teito do túnel. Alí poden verse a día de hoxe, tal e como foran planificadas por unha comunidade neolítica hai seis mil anos, que o que non imaxinou é que por debaixo da mesma pasarían cada día centos de viaxeiros

Imaxe dos traballos de escavación e apontoamento do dolmen (Foto: Gabinete de Arqueoloxía)

O colar, pola súa banda, consérvase no Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, a onde regresará ao peche de Galicia, un relato no mundo, o vindeiro 12 de abril.

Podes ver máis información sobre o dolmen e colar da Chousa Nova nestes artigos de culturagalega.gal e Trabajos de Prehistoria.

Santiago de Compostela, 10 de Xaneiro de 2020