O Nobel carteiro

O Nobel, o Príncipe de Asturias e o Cervantes. Pero tamén un sinfín de Honoris Causa, o Premio Planeta, o Premio Nacional de Narrativa… Incluso o marquesado de Iria Flavia. Camilo José Cela acumulou ao longo da súa vida un bo número de galardóns, trofeos e distincións, que o levou incluso a figurar no libro Guinness dos récords. Así pode comprobarse tanto na Fundación Camilo José Cela de Padrón como na exposición CJC 1916-2016. O centenario dun Nobel. Un libro e toda a soidade, que recolle un apartado con todo este tipo de condecoracións.

Unha distinción, por curiosa, destaca de entre todas elas: a de Carteiro Honorario, pola que Cela mantivo unha intensa e coidada relación epistolar de forma gratuíta. O de Carteiro Honorario é un título honorífico concedido por Correos a persoas que, sen ser empregados, dedicaron a súa obra e escritos a prestixiar esta entidade. O propio Cela presumía del: “Son carteiro honorario. Con dereito a uso de uniforme e sen soldo”. Efectivamente, o nomeamento conleva o dereito de figurar no escalafón de carteiros e o uso de uniforme sen nómina. Ademais, ser Carteiro Honorario permitíalle a Cela enviar toda a correspondencia sen ter que franqueala, estampando unha marca especial na que consta este título. No seu caso, unha pluma.

En 300 anos de Historia de Correos, tan só seis persoas foron distinguidas con este título: a raíña Sofía, Antonio Mingote, Ramón Carande y Thovar, Rafael Álvarez Sereix e Mariano Pardo de Figueroa. Entre os motivos para concederlle a Cela este premio figuran os seus libros de viaxes, nos que sempre aparecen pinceladas dos carteiros das vilas e comarcas que percorre, ou o ensaio Elogio del Correo. Mais a súa obra máis importante relacionada co correo é o Diccionario Geográfico Popular de España, unha recompilación exhaustiva da xeografía humana das vilas e terras de España na que colaboraron todos os carteiros en servizo activo.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 01 de Decembro de 2016