Atardece no Gaiás con Xoel López

Unha hora máxica, un lugar para o relax e un dos regresos musicais máis esperados do ano. Este é o plan que a Cidade da Cultura vos ofrece para este xoves, 5 de xullo, a partir das 21:00 horas: asistir á inauguración do ciclo Atardecer no Gaiás coa actuación de Xoel López.

A praza central do Gaiás acollerá, por segundo ano consecutivo, un dos ciclos máis esperados do verán: unha alternativa de lecer que aposta pola fusión de diversos estilos musicais coa poesía e as propostas máis vangardistas no eido da videocreación en directo. Un crisol de estilos, ritmos e melodías que ninguén representa mellor que Xoel, que chega á Cidade da Cultura co seu novo traballo baixo o brazo: Atlántico (Esmerarte, 2012), disco que supón unha nova etapa musical e persoal para o artista coruñés tras o seu paso por diferentes países e o proxecto “Xoel López e a Caravana Americana”.

Para todos os seguidores do Xoel e para os amantes da boa música, este xoves a partir das 21:00 horas e totalmente de balde, a praza central do Gaiás convértese no mellor auditorio para gozar dunha actuación en pequeno formato.

Mais o ciclo non acaba o xoves. Tras a estrea con Xoel López, o venres, 6 de xullo, será a quenda das arxentinas Las Kellies, unhas mozas políglotas que buscan divertir e divertirse nos seus directos. Cancións sinxelas que mesturan garage, post punk, cumbia e dub, dan como resultado un rock cru e á vez picante, bailable e apegadizo, aderezado coa graza e o descaro que amosan estas mozas sobre o escenario.

Esta primeira semana de Atardecer no Gaiás complétase coa chegada desde Cataluña de Santa Rita, grupo de rock experimental e intuitivo; un cóctel de hormonas musicais revolucionadas na procura de fieis devotos da diversión.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 03 de Xullo de 2012