As raíces do Estatuto de Autonomía de Galicia, a través de 'As miradas de Isaac' e 'De Nós a nós'

Hoxe cúmprense 40 anos do referendo que aprobou o actual Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrado o 21 de decembro de 1980. As exposicións Galicia, de Nós a nós e As miradas de Isaac convídannos a percorrer o camiño que finalizou neste Estatuto, e que comezou moitos anos antes co esforzo de todas aquelas persoas que traballaron arreo para facer realidade o Estatuto do 36, que a Guerra Civil enterraría antes de que chegase a materializarse.

Desde o 'Anteproyeito de Estatuto da Galiza' elaborado polo Seminario de Estudos Galegos en 1931, ao Estatuto redactado ao ano seguinte pola Asamblea Regional de Municipios. Desde carteis elaborados por Castelao, Díaz Pardo, Díaz Baliño ou Luis Seoane, aos guións radiofónicos da masiva campaña que no 36 se propuxo mobilizar a toda Galicia polo 'si' á autonomía: unha campaña unánime, na que ningún partido nin colectivo pediu o voto contra o Estatuto.

Se te achegas ao Museo Gaiás, non perdas a ocasión de contemplar estes documentos que nos achegan un pedazo imprescindible da nosa Historia e nos lembran unha loita sen a que hoxe Galicia non sería tal e como a coñecemos.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 21 de Decembro de 2020