A Biblioteca de Galicia propón unha nova viaxe pola Imprenta

A Biblioteca de Galicia pon en marcha catro obradoiros sobre A Imprenta, nos que os participantes poderán coñecer o proceso de elaboración de libros no século XV, coñecer o paso da escritura manuscrita á imprenta e utilizar diversas técnicas creativas así como  dar renda á creatividade persoal.

Dedicado a rapaces de entre 6 e 10 anos, os obradoiros -de 90 minutos de duración- son de balde previa inscrición (a inscrición é individual para cada un dos catro obradoiros).

A Imprenta arranca o 28 de febreiro cun obradoiro sobre Elaboración de papel e impresión, no que os participantes farán pasta para realizar lenzos de papel reciclado. A xornada complétase coa impresión de debuxos e figuras nunha base de linóleo nunha prensa.

Ao día seguinte, o domingo 1 de marzo, será a quenda das Letras capitulares. Os que se apunten a este obradoiro aprenderán que son ese tipo de letras e crearán o seu propio deseño, adornándoo con pinturas de cores.

O sábado 7 de marzo pasaremos á Encadernación. Cunha ténica de cosido sinxelo, aprenderemos a facer encadernacións con tapas incluídas que adornaremos ata onde nos permite a imaxinación.

A última parada desta viaxe pola Imprenta terá lugar o domingo 8 de marzo cunha sesión dedicada á estampación creativa. Os rapaces utilizarán elementos cotiáns para crear tipos e selos e usarán distintas técnicas de estampación coas que crear orixinais obras.

En familia
Santiago de Compostela, 09 de Febreiro de 2015
 

Cultura

  • (1)