Xornada de portas abertas na Biblioteca de Galicia

Gustaríache visitar a “cámara acorazada” da Biblioteca de Galicia? E acceder aos espazos restrinxidos? Que tal ter diante dos teus ollos obras singulares de hai séculos? Ou coñecer os valiosos fondos legados a esta institución? Este venres, 24 de outubro, é a túa oportunidade porque a Biblioteca de Galicia organiza unha xornada de portas abertas na que descubrir os tesouros que garda no seu interior con motivo do Día da Biblioteca. 

Primeiras edicións, incunables e inmunerables fotografías e gravados de valor incalculable amosaranse por primeira vez ao público, así como os lugares nos que permanecen custodiados. A partir das 12 horas, os participantes poderán adentrarse no edificio garante das letras galegas e comprobar ‘in situ’ os labores de clasificación, conservación e seguridade, cun equipo de caixas fortes móbiles que permite ademais unha correcta salvagarda dos fondos.

Xunto con este importante labor custodio, as bibliotecas ofrecen milleiros de aventuras, os seus andares están cheos de páxinas fascinantes e permiten descubrir lugares lonxanos, personaxes fascinantes e idiomas exóticos. E o domingo 26 de outubro, converteranse tamén o mellor lugar para deixarse levar pola imaxinación. Será grazas á actividade 'Coñecendo outras culturas', coa que achegarlle o papel da Biblioteca os máis pequenos. Con prazas xa esgotadas, nenos de 6 a 12 anos descubrirán o amor pola lectura da man de Fuco, a mascota bibliotecaria, que guiará aos participantes por unha intrincada aventura na busca de pistas que dará lugar a unha lectura conxunta e un posterior obradoiro no que compartir as descubertas realizadas.

Ambas as dúas actividades conmemorarán o Día da Biblioteca, creado en 1997 pola Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a importancia da lectura na infancia e xuventude e salientar o encomiable labor dos bibliotecarios para dinamizar a lectura.

 

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 21 de Outubro de 2014
 

Cultura

  • (1)

Lecer

  • (1)