O Bosque de Galicia medra contigo

O Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura, está a medrar con novas plantacións voluntarias, realizadas por iniciativa propia pola veciñanza de Compostela e da contorna. Nesta ocasión, a cativada de 4 anos de idade, do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro, decidiu que este pulmón verde de 34 hectáreas e 12.000 especies arbóreas autóctonas fose o "lugar especial" onde querían que medrasen os carballos que eles e elas mesmas sementaron na súa aula o pasado outono.

Deste xeito, acompañados pola súa titora, Celia Moreno, desprazáronse hoxe coa súa vintena de carballos, que xa alcanzaban medio metro de altura. Unhas árbores ás que segundo as súas propias palabras— fixeron medrar na aula de Sigüeiro regándoas con auga "cando cumpría"; evitando que a luz do Sol lles dese directamente; e sobre todo con "moita parola acotío".

O resultado de tan bos coidados non puido ser mellor; saíron adiante todos! E agora só lles quedaba na xornada de hoxe vir plantalos ao Bosque de Galicia, onde anunciaron unha vez que os enxeriron no terreo axudados por persoal técnico de SEAGA (empresa pública de Servizos Agrarios Galegos)— que se achegarán cos seus familiares para seguirlles coa "parola" e para continuar velos medrar "moitísimo máis" ca eles e elas, aínda que tamén moitísimo máis amodo.

 

Visitas e Accións divulgativas
Santiago de Compostela, 02 de Maio de 2019