Visita guiada desde o centro histórico

Cidade da Cultura de Galicia        Cidade da Cultura         Torres Hejduk

Se estás en Santiago de Compostela hai unha visita que non podes perder: a da Cidade da Cultura de Galicia, unha das obras arquitectónicas con máis forza visual de España e que agora tes a oportunidade de coñecer dun xeito ben cómodo e desde o mesmo centro histórico da capital galega, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Desde o casco antigo de Compostela contas cunha visita guiada en autobús de ida e volta que te traslada ao monte Gaiás, en cuxo cumio emerxe esta cidade de cuarcita e cristal, deseñada polo prestixioso e premiado arquitecto alemán Peter Eisenman.

Nesta visita guiada poderás descubrir todos os segredos desta xoia da arquitectura contemporánea. Un percorrido exclusivo polo proxecto e unha oportunidade única para acceder a lugares do Gaiás que non están abertos ao público, como a espectacular galería subterránea ou o depósito da Biblioteca de Galicia onde se custodian preto dun millón de libros do tesouro cultural galego.

CdCArquitectura600

Ademais, coñecerás de primeira man as instalacións artísticas actuais como a intervención nas Torres Hejduk de Fredy Solano.  A través dun horizonte sen corpo ofrece unha nova contorna da Cidade da Cultura de Galicia.

Esta intervención enche o espazo negativo entre a torre de pedra e a de cristal para facer xurdir unha torre ‘non-existente’ grazas ao efecto óptico dunha tea de fío de rede tinguida, de 150 metros cadrados e 25 metros de alto, elaborada artesanalmente polo propio artista. Este proxecto foi elixido gañador da IV Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, dentro do Encontro de Artistas Novos (EAN).

Neste percorrido non faltarán as dúas grandes mostras artísticas que acolle na actualidade o Museo Centro Gaiás: Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra. A primeira é toda unha viaxe emocional polo mundo da madeira: ao redor da riqueza ambiental dos bosques, da tradición en Galicia dos oficios vinculados ás artes da madeira e do deseño contemporáneo do moble.

A segunda reúne dous grandes da nosa cultura: Antón Lamazares e Uxío Novoneyra. Lamazares percorre nesta mostra os poemarios do autor e os poemas de Novoneyra flúen no cadro sen deixar nada ao azar. 

  

  



PETISCO, OBSEQUIO E VENDA DE ENTRADAS

Para rematar con bo sabor de boca esta percorrido distendido --que irmanda arquitectura e arte-- non faltarán petiscos galegos e un obsequio como recordo desta experiencia inesquecible que comeza o 30 de setembro e remata o 29 de outubro. Non deixes pasar esta oportunidade dunha descuberta diferente da Cidade da Cultura, a través dunha visita que aproxima a zona histórica compostelá ao Gaiás. Consulta neste enlace as datas, os horarios, o prezo e onde e como te podes facer coa entrada: bit.ly/CentroHistóricoaoGaiás

No entanto, se neste período non podes facer uso deste servizo de bus lanzadeira desde o casco antigo, lembra que existen liñas regulares de buses urbanos (a 9 e a 11) que che facilitan achegarte a un dos exemplos máis sorprendentes da arquitectura contemporánea.Pero non só. Arte, cultura, natureza e gastronomía danse cita nesta cidade única. Para que non perdas nada, aquí che deixamos unha pequena guía da Cidade da Cultura para gozar en só dez pasos de todas as posibilidades que ofrece en calquera época do ano: bit.ly/DezpasosCdC

Santiago de Compostela, 26 de Setembro de 2017