Viveiro Gaiás para empresas culturais e innovadoras

A Cidade da Cultura pon a disposición de proxectos culturais e innovadores un novo espazo: o Viveiro Gaiás.  Co obxectivo de seguir dando apoio ás industrias creativas, o Centro de Emprendemento ofrece 295 metros cadrados das súas instalacións para que iniciativas culturais, creativas e tecnolóxicas desenvolvan a súa actividade e se aproveiten dun programa de asesoramento e acompañamento de creación de novas empresas.

O Viveiro Gaiás ofrece un máximo de de 295 metros cadrados, fixando o prezo base en 12 euros por metro cadrado. Cada espazo ofertado conta inicialmente cun extensión de 32,78 metros cadrados, adaptable en calquera caso ás necesidades dos solicitantes, sempre que se respecte unha extensión mínima de 15 metros cadrados. 

O aluguer inclúe acceso ilimitado no horario de apertura do espazo, mesa de traballo, mobiliario, sala de reunións e escaparate/showroom. Ademais, a Cidade da Cultura proporcionará inicialmente apoio e asesoramento na creación da empresa e organizará periodicamente exposicións de ideas e proxectos, encontros empresariais e actividades de formación que apoien o desenvolvemento dos proxectos de emprendemento.

O Viveiro Gaiás está pensado para deseñadores, ilustradores, profesionais da comunicación, escritores, guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, e todos aqueles profesionais con proxectos que fomenten a innovación cultural e as novas tecnoloxías.

Os interesados en integrarse no Viveiro Gaiás deberán presentar unha solicitude á Fundación Cidade da Cultura de Galicia xunto cunha memoria do proxecto seguindo as indicacións do anexo que figura nas bases colgadas nos documentos adxuntos, incidindo nos aspectos innovadores que o proxecto presenta no eido cultural e/ou sector TIC.

Tanto a solicitude como a memoria do proxecto deberán ser enviados á seguinte dirección postal: 

Fundación Cidade da Cultura

Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia.

Edificio CINC, 3º andar. Monte Gaiás. 15707.

Santiago de Compostela, A Coruña. 

Santiago de Compostela, 10 de Xullo de 2014