O talento emerxente invade o Gaiás

Talento, creatividade e, sobre todo, moitas ganas de facer da arte a súa forma de vida. O II Encontro de Artistas Novos deu comezo este luns na Cidade da Cultura de Galicia coa chega dos cen mozos creadores que, ata o venres, terán a oportunidade non só de debatir ao redor da arte contemporánea e compartir os seus proxectos, senón gozar de cinco días de convivencia e intercambio de experiencias.

O II Encontro de Artistas Novos comezou no Museo Centro Gaiás, onde Rafa Doctor e María Pereira lle deron a benvida aos participantes, advertíndolles de que o mundo da arte non é un camiño fácil pero convidándoos, ao mesmo tempo, a non desistir nunca no seu empeño. Tras coñecer as instalacións do complexo deseñado por Peter Eisenman e facer un percorrido pola exposición Gallaecia Petrea, o II Encontro arrancou coa conferencia de Cristina Lucas, quen afondou nesa mensaxe de esperanza: “A arte contemporánea é algo vocacional, unha auténtica carreira de fondo. Atoparedes momentos difíciles pero eu pediríavos que non vos desanimedes nunca”, aseguroulle a un auditorio ao que lle ofreceu algúns dos seus traballos, centrados no feminismo e a liberdade. O pintor Carlos Maciá colleu a remuda de Cristina, explicando a súa filosofía como a necesidade de traballar en serie como “a única posibilidade de entender e comprender como son as cousas”.

Os participantes no Encontro terán a posibilidade de coñecer de preto a outros artistas como Pablo Valbuena, Jorge Perianes, Cristina De Middel ou Martín Sastre, que irán intervindo ao longo das restantes xornadas.

As tardes do Encontro están dedicadas ao Foro Aberto, espazo no que cada participante dispón de dez minutos para dar a coñecer a súa obra, o seu traballo, o seu proxecto. Pintura, fotografía, performances, música e ata videoclips puideron verse nunha primeira xornada onde quedou claro o talento dos creadores emerxentes.

Santiago de Compostela, 11 de Setembro de 2012