O binomio empresa-cultura, clave para transformar a realidade

Atreverse, crear empatía co outro sector e aportar creatividade a través dun proxecto sólido, coherente e innovador. Estes son tres dos eixes indispensables para que o binomio empresa-cultura teña futuro segundo se desprende das experiencias vividas no Encontro Internacional de Economía e Cultura, que tivo lugar este xoves e venres no complexo do Gaiás.

Tras analizar as posibles vías de financiamento e colaboración mutua, a xornada de clausura do Encontro serviu non só para demostrar que a cultura debe entrar no mundo empresarial para amosar as súas expresións e como canle para mellorar o rendemento empresarial, senón tamén para asegurar, unha vez máis, que o único condicionante necesario para lograr o crecemento de propostas culturais é a propia creatividade, a innovación e a vontade de transformar a realidade a través da cultura. Algo que só é posible a través de novas formas de traballo como o coworking ou traballo en rede, personalizado no Encontro a través de CIB Bilbao -unha rede innovadora de comercios minoristas impulsado polo Concello de Bilbao- e Utopic-Us, firma cunha filosofía de vida clara: transformar calquera cousa. A necesidade de crear comunidade xunto coa de aproveitar os beneficios que nos ofrece a tecnoloxía propician a innovación necesaria para que as firmas, cada vez máis efémeras, se reinventen continuamente. Así llo trasladou ao auditorio Ana María Llopis, fundadora de Ideas4all, unha rede social pero de ideas.

Xunto co sempre preciso e necesario debate, a cita no Gaiás serviu tamén para o intercambio de contactos tanto de empresas de xestión cultural, creadores, administradores de proxectos culturais como de particulares interesados neste eido. Para poñer en contacto a todos estes axentes, celebrouse unha reunión de traballo que uniu un proxecto cultural como a Rede Europea de mulleres do audiovisual con entidades interesadas en escoitar as súas propostas e ofrecer incluso apoio para o seu desenvolvemento futuro como o Igape, a Facultade de Ciencias da Comunicación, casas comerciais e patrocinadoras como Gadisa ou o Festival de cine de Cans.

De forma paralela, diferentes espazos da Cidade da Cultura serviron para presentar proxectos creativos na busca de socios para levalos a bo porto. O deseñador Juan Ares e o empresario JJ Chicolino foron os encargados de inaugurar este Itinerario en proceso pola Cidade da Cultura coa iniciativa Marenostrum Prototypes, no que as redes fabricadas por JJ Chicolino son aproveitadas por Ares para dar lugar a unha nova liña de mobiliario: cadeiras, lámpadas, mesiñas, biombos decorativos e unha longa lista de artigos inspirados na cultura do mar. Todo un exemplo de que un firma dirixida a un mercado tradicional pode, a través do deseño, crear novos produtos e chegar a novas cotas de mercado.

Con base máis tecnolóxica foi o Proxecto Ínsula que Israel Sousa presentou na sala Eisenman como unha plataforma web que pretende levar o crowdfunding á xestión das institucións culturais nun mercado cuns 600 millóns de persoas como público potencial: o de Latinoamérica. O que busca o Proxecto Ínsula non é outra cousa que lograr a unión de todos os eslabóns que forman parte dun proxecto cultural: institucións + xestores + produtores + organismos non profit e RSC + público.

Xa no Espazo Off foi a quenda do primeiro proxecto artístico ideado para o ámbito sanitario: 'Algo máis de cor. Terapia Habitación de Hospital', un proxecto que pretende poñer a arte contemporánea ao servizo dos nenos hospitalizados, logrando unha rendibilidade social en lugar de económica. Este proxecto pretende modificar as habitacións infantís dos hospitais e convertilas en habitacións terapéuticas a través do deseño e as cores co obxectivo de combatir o "hospitalismo", unha caída do estado de ánimo que sofren os nenos enfermos hospitalizados por un longo período de tempo e que ralentiza o seu proceso de recuperación.

No ámbito das TICs, Own the Way deu a coñecer na Biblioteca de Galicia unha ampla gama de servizos tecnolóxicos e audiovisuais para o mundo cultural, que vai dende as tradicionais audioguías en mp3 a unhas máis evolucionadas e adaptadas aos tempos, convertidas en aplicacións para tabletas e móbiles, que permite a consulta en tempo real ou a obtención de información útil a través da xeorreferenciación, ademais das aplicacións multimedia (información + audio + vídeo) que, como novidade, permite establecer unha relación entre os usuarios.

O último dos proxectos en busca de alianzas foi o Festival Sinsal, un evento caracterizado por contar cun público moi medido, escenarios especiais e músicos únicos que experimenta con novos tipos de financiamento como o mecenado, o micromecenado, carnet de socio e voluntarios e que na Sala de Columnas da Biblioteca anunciou a apertura dunha nova vía: a colaboración con outros sectores mediante o intercambio de servizos sen ánimo de lucro.

Cinco proxectos que, como todos os participantes e presentes no Encontro Internacional de Economía e Cultura, demostran que a alianza economía-cultura é unha vía de futuro.

Santiago de Compostela, 18 de Febreiro de 2012