Visitas didácticas: unha outra forma de descubrir a arte

Aproximarse á arte, á ciencia e á ecoloxía dunha forma lúdica e pedagóxica. Con este obxectivo, a Cidade da Cultura pon en marcha xunto á Obra Social "la Caixa" as Visitas didácticas á exposición Auga Doce, un percorrido no que aprender divertíndose. 

Da man dunha mostra multidisciplinar con obras procedentes de museos e institucións de recoñecido prestixio como o MoMa, o Victoria and Albert, o Museo D’Orsay ou o Reina Sofía; a comunidade escolar poderá traballar contidos ambientais como o cambio climático ou a explotación dos recursos naturais; aproximarse a diferentes épocas históricas a través do aproveitamento que as civilizacións fixeron da auga; ou abordar aspectos científicos como os fenómenos atmosféricos ou as prediccións meteorolóxicas. Todo partindo da ollada prestada de artistas como David Hockney, Gerhard Richter, John Constable ou Chema Madoz, no que será unha aproximación á arte clásica e contemporánea.

As visitas didácticas ofrecen actividades diferentes segundo os niveis educativos: desde obradoiros para os máis pequenos a percorridos interactivos ou visitas temáticas. 

As visitas didácticas son de martes a venres en catro quendas: 11, 12:30, 16 e 17:30 horas. A duración é aproximadamente de 90 minutos e o número máximo de persoas é de 50. Para reservar é preciso enviar un mail a visitasdidacticas@cidadedacultura.org, indicando centro e nivel educativo, número de alumnos, nome da persoa responsable do grupo, teléfono de contacto, data da vista, horario e actividade escollida e necesidades especiais no caso de que houbese.

Pódese consultar toda a info en Aula Gaiás

Santiago de Compostela, 25 de Marzo de 2014