O 23 de agosto fai realidade os teus soños en Cidade Imaxinaria

Imaxina que por un día podes vivir na cova de Alí Babá. Ou que es capaz de andar pola corda frouxa. Ou cabalgar como un cabaleiro andante. Ou participar no asalto a un castelo medieval. Imaxina que te convertes nun gran bailarín e nun superheroe ao mesmo tempo, que participas nunha aloucada carreira de coches chea de trampas ou que es o protagonistas do teu propio teatro de monicreques.

Deixa xa de imaxinar porque todo isto e moito máis podes vivilo no Gaiás o sábado 23 de agosto. Como? Grazas á Cidade Imaxinaria, que volve por cuarto ano consecutivo con todo un día cheo de espectáculos, xogos e obradoiros para toda a familia. Entre as 11 e as 21 horas, a praza central do Gaiás acollerá unha vintena de espectáculos a través dos que un cento de artistas nos transportarán ao mundo da maxia, o teatro e o divertimento nun ambiente cheo de cor, humor e música.

Dez horas de festa ininterrompida que terá como punto forte o Escenario Imaxinario, no que poderemos gozar cos números circenses e cheos de humor de Cabaré Parodia, sorprendernos cos trucos de maxia de Sim Salabim ou non dar crédito ante as habilidades de La Belle Escabelle. Ao seu redor despregarase todo un mundo de fantasía que inclúe a actuación do circo máis pequeno do mundo (Le Petit Cirque), os equibrios de Andy Snatch sobre a corda frouxa, os malabares de Rosso Passo ou a tola carreira cos Trasto Cars; e de xogos como o torneo de cabalaría, o asalto ao Castelo Poch, a pesca do pato ou os divertidos artiluxios  de Titellarium, A extraña viaxe do señor Tonet ou Os amigos de Crusó. Unha Cidade Imaxinaria na que aprender a ser un saltimbanqui con Mundo Equilibrios, bailar a bo ritmo o kuduro en familia, facer dun globo un sorprendente sombreiro de cores ou aprender trucos de maquillaxe para convertete no que ti queiras.

Para todos aqueles que queiran gozar de Cidade Imaxinaria desde a mañá á tardiña, a  Cantina da Cidade da Cultura converterase de 13 a 17 horas na Taberna Gordini, unha taberna-teatro instalada no Centro de Innovación Cultural, onde poder degustar os mellores pratos italianos cos mellores ingredientes galegos e de calidade, servidos por habilidosos acróbatas, incribles forzudos ou simpáticos pallasos. Un xantar de todo menos típicos no que repoñer forzas sen interrumpir o espectáculo.

E para os máis golosos, a praza exterior contará con postos de xeados, algodón de azucre, gofres e palomitas, que se poderán tomar na carpa de descanso da que disporá Cidade Imaxinaria.

O 23 de agosto sube ao Gaiás e fai os teus desexos realidade en Cidade Imaxinaria.

 
 

En familia
Santiago de Compostela, 04 de Agosto de 2014
 

Lecer

  • (1)