Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Pondal seguro quedarían perplexos ao coñecer que non é necesario o papel para ler os seus traballos ou que libros como Cantares gallegos continúa a espertar interese máis de 150 anos despois da súa publicación, ata o punto de se converter na obra máis descargada en 2020 no portal online Galiciana da Biblioteca de Galicia.
Esta coñecida obra póetica da escritora galega máis universal foi publicada na senlleira data do 17 de maio de 1863 e, en pleno século XXI, está a rexistrar o maior número de descargas neste portal para a súa lectura en tabletas, e-readers ou móbiles. Isto é posible grazas ao micrositio Grandes Clásicos da Literatura Galega, no que se ofertan neste intre 30 títulos en formato ePub, o que permite a súa descarga libre e gratuíta e a súa lectura en múltiples dispositivos.
Hai dous anos, a Biblioteca de Galicia considerou enriquecedor para Galiciana-BDG incluír novos formatos, como o ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios e usuarias desde diferentes dispositivos.
Este proxecto púxose en marcha nunha primeira quenda sobre unha pequena selección de obras clásicas da literatura galega coa intención de seguir ampliando esta colección nos próximos proxectos de dixitalización impulsados desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais.
Neste momento, están dispoñibles para a súa descarga 30 títulos de autores e autoras fundamentais na historia da literatura galega, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Sofía Casanova, Antón Villar Ponte ou Alejandro Pérez Lugín.
Dos grandes autores do Rexurdimento —Rosalía, Pondal e Curros— transformáronse a formato ePub os seus títulos máis significativos e procurouse tomar como referencia as primeiras edicións desas obras.
En canto aos xéneros escollidos, a poesía e a novela seguen seguen a ser os maioritarios, engadíndose na última incorporación un ensaio, Nuestra afirmación regional e unha biografía de Manuel Curros Enríquez escrita por Augusto González-Besada e Félix Melendo.
GRANDES CLÁSICOS DA LITERATURA GALEGA EN ePUB
NOVOS TÍTULOS ABERTOS ÁS SUXESTIÓNS DAS/OS LECTORES
A Biblioteca de Galicia pretende seguir aumentando esta colección en ePub con máis obras significativas de destacados autores e autoras galegas, que estean en dominio público. Por iso, gustaríalle, que os seus lectores e lectoras lle propoñan novos titulos para este micrositio de Galiciana.
- Velaquí onde podes deixar a túa proposta: biblioteca.galiciana@xunta.gal
