Creando cidade a través dos festivais

Gústannos, divírtennos, namórannos... e constrúen comunidades. A última xornada do III FIEC ofreceu unha nova perspectiva dos festivais moi apegada a anteriores claves como a importancia do local ou a implicación do público: a de transformadores e creadores de comunidades. Esta nova perspectiva foi achegada por Francisco Martín, director do festival La mar de músicas de Cartaxena; e sir Jonathan Mills, director do Edinburgh International Festival.

Mills, encargado de clausurar este terceiro FIEC, recordou que o Festival de Edimburgo naceu en 1947 co obxectivo de reconstruír o sentimento de comunidade a través das artes tras a dor que provocara a II Guerra Mundial. Unha iniciativa que, desde entón, enche cada verán a cidade na que conviven ata nove festivais, que este ano conseguiron vender 3 millóns de entradas e facturar 210 millóns de euros.

Durante a súa conferencia, Mills destacou que os festivais deben ser a manifestación dos ritos dunha comunidade, de aí que o un modelo non pode ser trasladado a calquera punto do planeta. Os festivais deben asentarse na propia comunidade e ser acorde as súas circunstancias. "Os festivais animan a reconectarse con espazos públicos e privados, lugares cotiáns aos que normalmente non lles prestamos atención", afirmou durante unha conferencia na que apostou pola implicación dos artistas.

Previamente, Francisco Martín, director de La Mar de Músicas, fixo unha exposición na que o festival foi evolucionando da man da propia cidade. Naceu por un imperativo do Concello que vía como cada verán a cidade quedaba deserta. E foi posible grazas a unha transformación da propia cidade, coa reconversión de edificios, do porto e do propio casco histórico, que se fixo peonil e se convertiu no gran escenario de La mar de músicas.

Inspirado no carácter multicultural de Cartaxena, La Mar de Músicas decidiu apostar por un tipo de música con pouco oco no parnorama cultural como o de "músicas do mundo", dando cabida a artistas que foron definidos por Julio Gómez, director do Festival Sinsal Audio, como "artistas desterrados", que atraen a atención de pouco público pero que resultan altamente interesantes ademais de imprescindibles. 

Cun festival incrustado na cidade -con múltiples escenarios ao aire libre conectados entre si-, La Mar de Músicas conta cun importante impacto mediático e na propia economía da cidade, algo que non lle impide ter problemas de financiamento ata o punto de que estivo a piques de desaparecer e que sobreviviu grazas á implicación da comunidade -hosteleiros, asociacións de empresarios, veciños..-, o que amosa esta estreita relación festival-cidade-comunidade.

As conferencias de Francisco Martín e Jonathan Mills poden volver a verse a través da canle de youtube da Cidade da Cultura ou ben a través da propia web

Santiago de Compostela, 16 de Novembro de 2013