Cidade Imaxinaria 2017

Viaxar ao pasado e, dende alí, ao futuro. Isto só pode ocorrer en Cidade Imaxinaria 2017, oito horas de espectáculos, música e xogos de enxeño para toda a familia baixo a estética retrofuturista do steampunk. Toda unha xornada lúdica para nos facer sentir verdadeiros protagonistas de historias fantásticas como as de Julio Verne, H.G. Wells ou  Arthur Conan Doyle.
 
Nesta viaxe polo tempo non faltarán, un ano máis, equilibristas, malabaristas e trapecistas que nos convidarán a vivir en primeira persoa a pura esencia do circo. Unha batukada steampunk será encargada de porlle banda sonora a este universo retrofuturista, recreado a través de espectáculos itinerantes de luces e velocípedos que percorrerán desde a Praza central do Gaiás ata as áreas de lecer e zonas verdes e de descanso: Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o Parque do Lago.
 
Espectaculares burbullas xigantes, circuítos de xirociclos e monociclos e ata un coche retrofuturista reforzarán a diversión sempre garantida en Cidade Imaxinaria, unha completa xornada de maxia e fantasía para as pequenas e pequenos, e os que nunca deixamos de selo.  
 
Entrada gratuíta e servizos de xantar (Cantina do Gaiás e foodtrucks) e de larpeiradas, e zonas de relax para coller forzas para o seguinte espectáculo, obradoiro ou xogo co que facer realidade, por un día, unha auténtica Cidade Imaxinaria.