O valor dos metais inútiles | Ourivería tradicional en 'Pensar coas mans'

A xoiería é unha das tres seccións da exposición da artesanía galega Pensar coas mans, na que te convidamos a parar devagar na túa visita ao Museo Gaiás. E nesta ocasión en especial, na ourivería tradicional galega, da que seguro van espertar o teu interese os brincos, ou as pezas de acibeche ou os célebres sapos, xoias tradicionais por excelencia de orixe e inspiración culta. A escolma de pezas e coleccionistas, que vas poder admirar nesta sección, foi realizada polo historiador da arte e especialista en xoiería tradicional Fernando Martínez Vilanova.

Sabías que tanto no mundo antigo coma no contemporáneo, a prata e o ouro sempre se consideraron metais inútiles no ámbito industrial e doméstico? Na antiguedade eran vistos como baldíos para o traballo ou a guerra, pero representaron algo moi superior que non acadaron o ferro ou o bronce con toda a súa servidume: conseguiron incorporar valores culturais por riba da súa cualificación física.

O ouro identíficouse desde a Prehistoria co poder e con valores sobrenaturais derivados da acción dun deus ou vencellado cos milagreiros e devastadores lóstregos, co seu poder de xerar lume, mais tamén co Sol, coa luz, coa calor, coas espigas maduras da primeira agricultura, coa vida e mesmo máis sinteticamente, co xénero masculino. A prata identificouse coa Lúa e a maxia dos seus ciclos crecentes e devalantes, o resplandor branco na noite, e virou cara aos valores do feminino.

Mais por todas esas connotacións culturais que o acompañaron desde a historia, ambos metais foron cobizados para cumprimentar como adorno corporal e decorativo. O seu permanente esplendor dourado recubrindo empuñaduras, correaxes, armaduras, cascos… nos homes poderosos e mesmo creando infinitos obxectos prénsiles que formaron parte da arte do adorno corporal: o que coñecemos como ourivería, o traballo artesanal do ourive.

AS XOIAS DAS CLASES HUMILDES

Xa desde antigo, as clases sociais máis humildes non se subtraeron de asociar aos metais as súas crenzas apotropaicas e satisfacer a ornamentación das súas anatomías con algún tipo de ourivería de metais diferentes. É dicir, a ourivería suntuaria reservada ao poder económico, administrativo e político tivo unha presenza hexemónica polo que representaba de ostentación de poder, o que era motivo de cobiza de inimigos e mesmo de lendas dos seus valores e atributos.

Mais o pobo raso, en canto gozou dunha mínima estabilidade, non renunciou ás modestas posibilidades de luxo e imitou, dentro das súas posibilidades, aqueles excesos dos señores e mesmo da Igrexa. Naceu entón desde antigo a ourivería tradicional paralela á suntuaria.

O sapo, xunto cos peitorais, brincos e acebiches son a manifestación da adaptación das clases máis baixas á ourivería  vencellada ao poder económico, político e relixioso (e polo tanto as clases de poder). O pobo raso non querían renunciar o luxo e protección vinculado a estes materiais. 

Así, en Pensar coas mans podes admirar de diferentes pezas de coleccionistas privados que explican esta evolución e a riqueza das tipoloxías máis tradicionais entre os que encontramos nomes comop os de Fernando Martínez Vilanova, José María Cortizo, Isabel González Lago, María Diaz Lorente, e a parella Gamallo/Solorzano ou de institucións como o Museo del Traje, o Museo Sorolla, o Museo de Lugo, o Museo de Pontevedra, o Museo de Viladonga ou o Museo das Peregrinacións, que atesouran esta parte identitaria da nosa maneira de entender a ourivería popular.

OS SAPOS,  A XOIA POR EXCELENCIA DA OURIVERÍA TRADICIONAL

    

A súa denominación nace da adaptación da voz castelá galápago, na búsqueda dunha maior conexión territorial e lingüística mais cómoda e clara.  En Galicia o sapo acadará o perfil de xoia por excelencia pola súa variedade, riqueza decorativa e compromiso estético.

A súa filiación cos modos do Barroco compostelán e as virtudes profilácticas e morais que recibe dos Agnus Dei van darlle unha difusión amplísima, esquecéndose dos primitivos referentes. Digamos que nel sobrevive unha visión pagá do relixioso ancestral, ta lvez o culto solar celta ao que faciamos alusión nos comezos deste relato.

PEITORAL REAL

No período romántico, aparece un pendentife/alfinete, que chamaremos peitoral real. É substancialmente diferente ao sapo pois esquece o carácter vertical daquel, proxectándose na horizontal dunha forma romboide.

Busca o efecto naturista por superposición e mesmo renega do movemento, pois componse de dous corpos profusamente decorados e estáticos. Maniféstase mesmo en diversas escalas e ofrece unha decoración simétrica a diferentes niveis, orquestrada cara a unha gran rosa central, moi vistosa e particular.

O ALXÓFAR

Unhas diminutas perliñas que se traballaban enfiadas como doas de colar e se aliñaban con círculos de diversas formas sobre a superficie de alfinetes e brincos terán un gran predicamento entre o pobo.

Non responde a fórmulas autóctonas, xa que proceden da ourivería napolitana e valenciana, espalladas ao resto da península no período borbónico. Mais en Galicia, producirase durante o período romántico nos seus diferentes formatos, substituíndo a decoración de grao d’amora co engaiolante anacarado branco das súas perliñas.

O ACIBECHE

As artes do acibeche están indeleblemente unidas á historia xacobea de Compostela. A proximidade dos xacementos con Asturias posibilitou o desenvolvemento desta actividade artesanal ao longo dos séculos, como lembranza e exvoto das peregrinacións.

A súa importancia é, pois, inmensa neste contexto e merece un tratamento exclusivo.  En Pensar coas mans preséntase a lenta aproximación a través da que as artes do acibeche fan a súa maridaxe coa ourivería, por medio de elementos pendulantes en prata: figas, medallóns, vieiras e elementos devocionais como os rosarios.

OS BRINCOS

Hai unha moi definida evolución dos brincos arcaizantes, desde a simple argola ata pequenos elementos de estrutura armilar que se lle van incorporando. Son sobre todo esferas dobres, e mesmo unidas por un tubo, ata chegar á forma cónica de fuso, que será a máis empregada pola nosa ourivería. Un tipo de brinco de arracada, para ser observado lateralmente, terá un desenvolvemento noutras áreas da península e manifestará a súa ascendencia árabe ao utilizar elementos mobles propios, como medias lúas e pombas pendulantes.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 10 de Maio de 2019