Móvete pola cultura urbana na Cidade da Cultura

Skate, bmx, break dance, hip-hop, graffiti, dj’s… O Gaiás convértese por un día nunha Cidade en Movemento con espectaculares exhibicións, divertidos xogos, obradoiros para todas as idades, música en directo, proxeccións audiovisuais e unha longa lista de actividades de balde coas que achegarlle o deporte e a cultura urbana a toda a familia.

A cita: o vindeiro 21 de xullo, de 11:30 a 21:30 horas. O punto neurálxico: a praza central do Gaiás onde, nunhas ramplas especialmente montadas para a ocasión, poderedes admirar a destreza sobre dúas rodas de riders de primeiro nivel como Daniel Peñafiel “Naran” ou dous dos mellores especialistas de flatland: os madrileños Guelo e Moya. Conducido polo speaker Jairon Maiden, a destreza co skate estará en mans de oito figuras indiscutibles, como o campión de España sub-18 Danny León ou os galegos Diego Doural e Varo Pastor. Ademais, o Gaiás bailará a ritmo de break dance grazas aos membros da Fusion Rockers Bboying Crew e da Black Shadows Crew mentres que a nota de cor virá da man do artista vigués Anthony e a súa destreza na arte do graffiti.

Xunto ás exhibicións, a Cidade da Cultura pon en marcha obradoiros para que non sexas un mero espectador. Así, El Puto Coke dará as claves da composición no obradoiro Rap e Rima; Ramiroquai, ex integrante do grupo Mayumana, ensinará a converter o corpo nunha caixa de son en Somos Ritmo; os integrantes da Black Shadow Crew demostrarán como moverse ao son do break dance; o skater Danny León amosará pequenos trucos para converterse no rei da pista no circuíto de Skate Minicamp; e o artista vigués Anthony ensinará a manexar as técnicas do graffiti. Todos eles son, como o resto das actividades, de balde pero é preciso inscribirse previamente en www.cidadedacultura.org, xa que contan cun número limitado de prazas.

Os máis pequenos serán os grandes protagonistas de Cidade en Movemento. Para os amantes das dúas rodas, a praza central acolle un circuíto de minikarts no que os nenos poderán amosar a súa destreza co volante. Ademais, a Cidade da Cultura ofrécelle a oportunidade de aprender a manexar o monopatín cos dedos a través do Fingerboard, un divertido xogo para toda a familia. Para os máis arriscados, unha táboa de surf mecánica permitiralles aos pequenos –e aos non tan pequenos- coller as ondas no alto do Gaiás.

O programa de actividades desta Cidade en Movemento complétase coa proxección de documentais, curtas de animación e ficción relacionadas cos deportes de acción e os retos deportivos; a posta en escena de Olimplaff, unha obra teatral para toda a familia na que humor e deporte van da man; e unha sesión de música ininterrumpida a cargo dos dj’s galegos Luiñiño e Meteoro.

E todos aqueles que decidan o vindeiro 21 de xullo moverse ata o Gaiás poderán conseguir unhas lentes de sol Arnette e reloxos G-Shock, levando o código que poderedes atopar nos folletos publicitarios repartidos polas cidades.

Se che gusta a cultura urbana e os deportes de acción, tes unha cita no Gaiás con Cidade en Movemento.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 05 de Xullo de 2012