Escenas do cambio | O triunvirato galego

Unha cea preparada 'in situ' polos mesmos Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e José Luis Gutierrez 'Guti' mentres te nutren de relatos incribles, retranqueiros ou emotivos co seu saboroso bo facer de contadores de historias e de vida. Este tipo de proposta orixinal e sorprendente non pode vir máis ca dun festival como Escenas do cambio que leva ambos adxectivos no seu ADN, desde a súa posta en marcha hai seis anos baixo a dirección artística de Pablo Fidalgo Lareo.

O festival de inverno da Cidade da Cultura racha sempre cos convencionalismos e ofrece un programa con pezas anovadoras provenientes de todo o mundo (sete países, nesta edición 2020), pero tamén cun importante sabor galego, xa que das dez obras, tres son de compañías da casa, que deciden facer estreas absolutas para este certame, que reforza a súa proxección internacional coa súa inclusión na programación da Xunta de Galicia no Xacobeo 2021

Tres vellas (polo menos) de Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e 'Guti' é unha destas pezas de compañías galegas, que supón ver xuntos nun mesmo escenario a tres dos contadores máis prestixiosos, e non só en Galicia. Unha oportunidade única de comprobar tres diferentes tipos de cociñar historias, que veñen a ser a nosa historia, ateigada de relatos sobre o máis pequeno e sobre o cotiá, que finalmente sempre conforman, en esencia e no cerne, o máis grande.

ESCAPARATE DE COMPAÑÍAS GALEGAS EMERXENTES

Mais Escenas do cambio non só supón ver enriba do escenario a tres artistas galegos cunha carreira e proxección consolidada, senón que serve de escaparate das compañías que están a emerxer e facerse un merecido oco na programación, como son o caso de Pálido Domingo e Los Bravú. Ambas tamén deciden apostar por un festival internacional como o da Cidade da Cultura para facer as súas estreas absolutas dos seus traballos máis recentes.

Pálido Domingo estrea en Pentecostés, traballo no que se afonda entre a fronteira entre a dor e o amor, a relación e a incomunicación; mentres que a parella artística de Los Bravú dan un chanzo máis nesa creativade súa sen lindes e presentan Caderno de vacacións . Trátase dun proxecto alleo á súa liña de traballo principal e no que investigan novas formas de expresión, en sintonía co espírito do festival.

Mantendo a coherencia en concepto e forma co seu imaxinario habitual, a peza presenta unha paisaxe lírica do protos da cidade patrimonio, museo ao aire libre convertido en escenario dunha proposta coreográfica onde a masa actúa coma un único suxeito. Non sen ironía, reprodúcense as dinámicas do turista como figura que se despraza repetindo xestos estereotipados que o levan ao automatismo, actitude derivada do uso de novas tecnoloxías como medio de auto–representación nun contexto global. Unha proposta que explora a relación emisor e receptor no contexto das redes sociais onde como público ides a convertervos en audiencia, nesa aposta irrenunciable de Escenas do cambio por un espectador/a-actor/actriz.

[ A entrada e a información polo miúdo destas tres estreas galegas está en www.escenasdocambio.org , páxina web con toda a programación do festival, que se celebrará do 31 de xaneiro ao 8 de febreiro na Cidade da Cultura, Salón Teatro, Teatro Principal e Facultade de Dereito da USC]

Santiago de Compostela, 28 de Decembro de 2019