O mural de Luis Seoane para a fábrica da Magdalena ve a luz en papel

Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane protagonizaron unha fermosa historia de amizade da que agromaron proxectos culturais de tanta envergadura como o Laboratorio de Formas ou o Museo Galego de Arte Contemporánea - Carlos Maside. O Gaiás exhibe de forma permanente un testemuño único deste vínculo: o mural que Seoane concibiu para a fábrica de Porcelanas de Magdalena, que Isaac fundara na pampa arxentina, a carón do río da Prata.

Díaz Pardo encargoulle ao seu amigo este mural para adornar a entrada da factoría coincidindo cunha visita do gobernador da provincia de Buenos Aires, pola inauguración do Laboratorio Cerámico de Magdalena, que incluía un Laboratorio de Formas. Foi o propio Isaac quen construíu a base do mural sobre o deseño e as indicacións de Seoane, que nunha visita a Magdalena el mesmo rematou e asinou. A obra, de 2,30 por 3,90 metros e 200 quilos de peso, é unha das poucas testemuñas que agora temos en Galicia da produción muralística de Seoane, e pode admirarse no andar 0 do Museo Centro Gaiás, despois de que fose recuperado pola Xunta de Galicia para o patrimonio público.

Con motivo da chegada do mural ao Gaiás, en decembro de 2020, a Xunta de Galicia e a Cidade da Cultura editaron unha publicación conmemorativa desta obra, que xa podedes adquirir no mostrador de entrada do Museo, composta por un pequeno opúsculo de 7 páxinas con textos de Camilo Díaz Arias de Castro, fillo de Isaac Díaz Pardo que no seu período na Arxentina traballando na Fábrica da Magdalena contemplaba o mural diariamente- e do historiador da arte Antonio Garrido -no que analiza a pintura muralística de Luis Seoane a partir dos testemuños da mesma que se conservan na Arxentina-

Ademais a publicación conta cunha reprodución do mural a escala, nos mesmos catro paneis que compoñen a obra orixinal exposta no Museo Centro Gaiás.

  • Deseño: Desescribir
  • Imprenta: Agencia Gráfica
  • PVP: 10 €
Santiago de Compostela, 14 de Maio de 2021