A fórmula do “Atardecer”: música árabe + electrónica + clásica

Funk+electrónica+clásica. Esta é a fórmula máxica que a Cidade da Cultura de Galicia aplicará no “Atardecer” desta semana.

O primeiro ingrediente virá da man de Al-Madar que este xoves, 26 de xullo, traslada ata o cumio do Gaiás os tres mil anos de tradición cultural na música árabe para estendela ao ritmo actual do funk, o soul e o jazz. Os sons de Al-Madar envolverán ao oínte entre as evocacións á música árabe e os ritmos dos barrios neoiorquinos, creando unha atmosfera única que convida á desconexión e, sobre todo, ao goce.

Pero se por algo se caracteriza o ‘Atardecer no Gaiás’ é por tocar todos os paus: da poesía aos máis diversos estilos musicais e ás propostas vangardistas no eido da videocreación. E neste marco, o venres 27 de xullo chegan á praza exterior República Disco Apocalipso, un proxecto aberto en proceso de adaptación constante, que experimenta coa electrónica de baile máis amable como lenzo onde se reflicten sons sintéticos e samplers de arquivos sonoros de cine, da radio e da televisión, mesturados con proxección de imaxes e texturas manipuladas en tempo real.

E para rematar a semana con boa nota, a Orquestra de Cámara Galega volve ao Gaiás para achegarnos aos sons e á tradición brasileira a través de pezas de grandes compositores deste país como Gómes, Aguiar, Nepomuceno e Villalobos no Atardecer brasileiro.

Para gozar destes tres novos “atardeceres” só tedes que achegarvos á Cidade da Cultura a partir das 21:00 horas. A entrada, como sempre, é libre e de balde.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 23 de Xullo de 2012