Tatatachán!!! Nenos e nenas: apetece unha ópera?

Quen dixo que aos nenos non lles gusta a música clásica? Pois será que non a coñecen como é debido!

Cidade da Cultura acaba de presentar Pequeclassics, un proxecto educativo pensado para espertar entre os máis novos a paixón pola música clásica e a ópera a través do xogo e a diversión. Mediante actores e recursos do teatro como o vestiario e a iluminación, traballaranse aspectos como o ritmo, o sentido das melodías ou os efectos na produción de voz.

Como sabemos que os rapaces son o público máis esixente, preparamos un programa á súa altura. Serán catro concertos de gran calidade, ideados e executados especificamente para un público novo, que terán lugar entre os meses de setembro e decembro, todos eles en diferentes espazos da Biblioteca de Galicia.

O ciclo arrancará o domingo 11 de setembro, ás 11 h, coa obra "Girasons", da Fundació Privada de l'Auditori de Barcelona. Nenos a partir dun ano serán transportados por seis músicos con diversos instrumentos (piano, frauta traveseira, clarinete, fagot, arpa céltico, etc.) e unha posta en escena moi atractiva, ao mundo de melodías e sons de Schubert, Debussy, Bizet, Ravel, Stravinsky, Schumann ou Béla Bartók. Serán 50 minutos de espectáculo, no que os nenos serán invitados a participar.

O segundo dos concertos (domingo 9 de outubro) rende unha homenaxe moi especial a As Catro Estacións de Vivaldi, a cargo da compañía do prestixioso violinista libanés Ara Malikian, que interpretará a divertida obra "As miñas primeiras catro estacións", dirixida a nenos a partir de seis anos.

O 13 de novembro é o momento de que o público infantil se achegue á obra do gran Mozart. No espectáculo "Ma, me, mi...Mozart", escrito polo músico catalán Eduard Iniesta e producido pola Fundació Privada de l'Auditori de Barcelona, empréganse instrumentos pouco comúns na música clásica e conséguese recrear o ambiente festivo e popular dalgunhas das obras do xenial compositor austríaco. Nenos a partir de dous anos poderán traballar aspectos musicais como a pulsación, o ritmo, a improvisación ou vos efectos na produción da voz.

O ciclo pecharase o 11 de decembro con “A Frauta Máxica”, dirixido a nenos de ata tres anos. Un concerto pensado para guiar aos pais no reforzo das aptitudes musicais coas que nacen os bebés.

Así que, papás e mamás, xa sabedes! As entradas para o concerto do día 11 de setembro están á venda en www.servinova.es.

En familia
Santiago de Compostela, 26 de Agosto de 2011