Vive a maxia do circo en Cidade Imaxinaria o vindeiro 24 de agosto

Cabezudos con rodas, ollos que voan, marionetas de carne e óso, magos que non saben facer maxia, titiriteiros, zancudos, pallasos, malabaristas… O vindeiro sábado 24 de agosto vive a maxia do circo a través de Cidade Imaxinaria, todo un día cheo de espectáculos, xogos e obradoiros ao aire libre para toda a familia.

De 11:30 a 21:30 horas, e da man de “zancudos”, pallasos, equilibristas e malabaristas; nenos e non tan nenos adentraranse nun mundo de fantasía da man duns cursiosos personaxes a bordo de Velocíclopes e dos bailes do noso particular Moulin Rouge. Tras resolver os máis de cincuenta xogos ópticos, de habilidade e enxeño que propón Colors de Monstre, os asistentes poderán perderse polo Garabato de Xogos, demostrar quen é o máis forzudo no High Striker ou o máis rápido do lugar tras participar en Ordeña a vaca.

Aprendizaxe e diversión non están reñidos tal e como comprobarán os nenos que se acheguen ata os fogóns da Cociniña Sabrosa, na que converterse nun auténtico chef e convidar a toda a familia a comer; ou os que elixan achegarse ao Pke Spa, onde descubrir o poder da aromaterapia e cromoterapia. Os máis hábiles coas mans terán o seu oco no mundo de Balloon Comunication, onde crear todo tipo de personaxes con globos; e poderán crear os sombreiros máis divertidos da man de Paul Henri Jeannel e o seu Chapeau Magique.

O Gaiás acollerá novos espectáculos para toda a familia onde a maxia será protagonista. Mans que cantan, ollos que voan e metais que flotan serán os protagonistas do Teatriño máxico, mentres que en Teatrino dei Piedi os pés de Verónica González converteranse nunhas auténticas marionetas de carne e óso. Humor e maxia mestúranse en Sin Sin Calcetín, onde o público tratará de axudarlle ao mago Fran Qué a ensinarlle ao seu amigo Luigi algún que outro truco.

E un ano máis, teatro e cine estarán presentes na praza exterior do Gaiás a través da caravana da Señorita Lupierre, un pequeno carromato no que tres cómicos mesturarán medo e humor nos Contos para escagarriñarse, o teatro sobre rodas Sie7e ou a sala de cine máis pequena do mundo: Puck Cinema.

Un amplo abano de actividades que contará ademais con postos de comida que nos devolven ás feiras de antes, espectáculos itinerantes, música en directo e ata un fotomatón no que inmortalizar unha nova Cidade Imaxinaria.

En familia
Santiago de Compostela, 06 de Agosto de 2013