Guía para gozar da Cidade Imaxinaria Primavera 2019

Vinde festexar a chegada do bo tempo gozando dunha divertida tarde en familia e ao aire libre! Agardámosvos este sábado, 27 de abril, na Cidade Imaxinaria Primavera con catro horas ininterrompidas (de 16 a 20 horas) de xogos e espectáculos para mergullarse na ilusión e fantasía do circo. Así, malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis e clowns conquistarán todos os recunchos da Cidade da Cultura, compartindo espazo e programación con xogos de enxeño, teatro de rúa e instalacións de gran formato que, precisamente uns días despois da conmemoración do Día Internacional do Circo, transportarán aos máis pequenos e pequenas a un mundo de maxia, fantasía e moita diversión. E para non perdervos nada nesta tarde de sábado, deixámosvos esta guía da Cidade Imaxinaria!

DURANTE TODA A TARDE: ESPAZOS LÚDICOS PARA IMAXINAR [16 - 20h]

  • Escola de Saltimbanquis | Pistacatro. A escola de circo non pode faltar na Cidade Imaxinaria! Con 4 espazos para deixar saír o saltimbanqui que todos levamos dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios. A vosa cativada descubrirá talentos circenses nunca antes explorados! 
  • Labirinto | Itinerània. Un mar de paredes de cores cheo de encrucilladas no que perderse será a mellor das aventuras. Nesta rede de múltiples corredores e só unha saída agárdanvos enigmáticas portas, adiviñas visuais e probas de habilidade: o que sabedes e o que facedes creará o voso propio camiño.
  • Els recicloperats | Katakrak. Xogas? Dos anacos, dos materiais de refugallo e dos miolos de Katakrak xorden trebellos interactivos para espertar a vosa curiosidade e o voso enxeño. Saberedes resolver estes crebacabezas mecánicos?
  • O Bosque dos sentidos | Risotadas. Espazo para bebés de 0 a 3 anos. Un recuncho onde gozar dun tempo de distensión e sensacións, deseñado para fomentar o descubrimento e a experimentación sensorial a través do tacto, da vista, do son e das texturas. *Ocupación máxima: 20 bebés, sempre acompañados/as dun adulto.

ESPECTÁCULOS DE PISTA

  • On time | Cia Vaya [16.30-17.00h e 19.00-19.30h]. Unha parella esperta para vivir os seus soños, redescubrindo a rutina como un xogo acrobático delirante. Neste espectáculo de circo de rúa, a lixeireza do humor e a enerxía da acrobacia convídanvos a soñar espertos e lémbranvos o lindo que é querer, crer e voar.
  • Imagine Dixie Fly | Kanbahiota Troup [17.00-17.30h e 19.30-20.00h]. Espectaculares coreografías, cambadelas, viravoltas e acrobacias aéreas que vos deixarán sen alento! Nin sequera pestanexedes para non perder nada dos incribles voos e piruetas da Kanbahiota Troup.
  • Out of the blù | Francesca Martello [17.30-18.15h]. Clown, malabares, manipulación de obxectos e sobre todo moito humor neste espectáculo de teatro de rúa no que Francesca Martello tenta tender a roupa. Aínda que a súa lavadora non lle vai poñer as cousas fáciles!
  • Esencial | Vaivén circo [18.15-19.00h]. Á Cidade Imaxinaria chegan uns feirantes que vos transportarán ás barracas de feira nas que todo é posible. Nun espectáculo que xoga coa simplicidade, artellado arredor dunha versión xigante do Arco da Vella Waldorf, Esencial lévanos da simetría ao caos e do caos á harmonía.

ESPECTÁCULOS ITINERANTES

  • Arrumadores de pessoas | Radar 360 [16.00-16.45h e 17.30-18.15h]. Existen os organizadores de roupa, de discos, de libros, do lixo... Agora chegan os organizadores de persoas! Seguro que esta proposta vos sacará un sorriso, ademais de manter a organización, claro... porque non se pode ter a xente así, toda desarranxada!
  • Os Coruscantes | Picto Facto [16.45-17.30h e 18.30-19.15h]. Cansos de agardar, os Coruscantes veñen ao voso encontro. Viaxeiros coloridos con longos pescozos e un divertido corniño, este trío de seres fantásticos adora compartir convosco os seus paseos errantes na procura da beleza do invisible. Non vos apetece acompañalos?

 PARA REPOR ENERXÍAS: ZONA DE RELAX E PETISCOS [16 - 20h]

En catro horas de xogo e diversión fai falta recargar as baterías! A zona de descanso da Cidade Imaxinaria agárdavos para repor enerxías entre tanta festa rachada. Ademais da oferta habitual da Cantina do Gaiás, contaredes cunha sorprendente taberna de fantasía na que emerxen as Billevesées: unhas esculturas de cores divertidas onde compartir sen présa momentos, vivencias e conversas. Nesta zona de relax atoparedes petiscos de aquí e de acolá, doces e salgados, como por exemplo as crepes artesás de La Mariniere; os zumes e ensaladas de froitas naturais do Fruit Truck; ou os petiscos a base de castaña do Courel de Toma Castaña, ademais de lambonadas e os xeados artesáns de Xearte Brigitte.

SORTEO DE CAMISOLAS DA CIDADE IMAXINARIA [18 e 19 h]

Moito campa nunha camisola a ilustración que o Sr.Reny fixo para a Cidade Imaxinaria deste ano! Queredes facervos con unha? Achegádevos ao punto de información e facédevos socios/as do Club Gaiás para participardes no sorteo de 40 camisolas coas que  presumir de indumentaria forzuda. Os sorteos serán ás 18 e 19 horas: estade atentos/as!

VISITAS COMENTADAS ÁS EXPOSICIÓNS DO MUSEO CENTRO GAIÁS [17.30h]

Cidade Imaxinaria é unha oportunidade única para gozar en familia do lecer, da diversión e tamén da arte. Aproveitade a xornada para coñecer as exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás, para as que ademais contades con visitas comentadas de balde ás 17:30 horas:

ESPAZOS VERDES E DE LECER

Aproveita esta xornada para a descuberta das ladeiras que rodean a Cidade da Cultura, o Bosque de Galicia, un dos pulmóns verdes de Compostela; para descansar no parque do Lago e continuar o percorrido polo Xardín Literario e o acabado de estrear Xardín do Teatro -que tamén acollerá parte dos espectáculos desta xornada festiva- e coñecer a zona de xogo do Parque da Balea, inspirado nos monstros mariños de Urbano Lugrís.

COMO CHEGAR Á CIDADE IMAXINARIA?

O acceso á Cidade da Cultura poderá facerse en vehículo privado, ata completar os 6 parkings dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia. Ademais, poderase acceder en autobús, que contará con reforzo das liñas e frecuencias habituais:

Servizo de reforzo de autobús urbano Praza de Galicia-Gaiás na tarde do 27 de abril:

  • Saídas desde a Praza de Galicia á Cidade da Cultura: 14.20, 15.00, 15.40, 16.20, 17.00, 17.40, 18.20, 19.00, 19.40, 20.20, 21.00.
  • Saídas desde a Cidade da Cultura a Praza de Galicia: 14.00, 14.40, 15.20, 16.00, 16.40, 17.20, 18.00, 18.40, 19.20, 20.00, 20.40, 21.20.

Outras liñas:

Máis información pinchando aquí [web de TUSSA].

CIDADE IMAXINARIA VERÁN: 24 DE AGOSTO

Esperamos que gocedes destas catro horas ininterrompidas de circo, maxia, música, teatro e moito humor e diversión, mais sabemos que disto nunca ninguén se cansa, así que lembrade que aínda debedes repoñer forzas e deixar folgos de cara á cita tradicional de Cidade Imaxinaria de verán. Vémonos o 24 de agosto!

.

En familia
Santiago de Compostela, 24 de Abril de 2019