Altitude e fachada sorprenden aos primeiros visitantes do Museo

"É o edificio máis espectacular dos ata o de agora construídos no Gaiás". Esta foi a sensación coa que abandonaron a Cidade da Cultura os primeiros visitantes ao Museo de Galicia, que este luns á tarde comezou a encherse de vida. Nun día nada apracible, onde a choiva e a néboa fixeron máis que acto de presenza, un grupo de 25 persoas seguidoras do Facebook da Cidade da Cultura pisou por primeira vez un edificio chamado a ser un referente arquitectónico do século XXI.

O carácter especial desta visita de preapertura deixouse notar dende o primeiro momento, co acceso ao Museo pola denominada Galería Subterránea de Servizos, unha sorte de rúas baixo terra que comunica as diferentes construcións, as verdadeiras entrañas do Gaiás polas que discorre toda a vida interior do complexo e que só uns poucos poderán coñecer. Xa no interior do Museo, os case 43 metros de altura -que o converten no edificio máis alto do complexo- e a fachada norte -toda ela acristalada-, foron os dous elementos que máis espertaron a curiosidade dos visitantes. Dous claros sinais de identidade que dan vida aos seus máis de 16.000 metros cadrados de superficie, dos que 6.600 -divididos en tres plantas- destinaranse a exposicións.

O mal tempo e a caída da tarde impediron, non obstante, contemplar as impresionantes vistas sobre a vella Compostela, algo que foi profundamente lamentado por varios compoñentes do grupo como Ana ou Francisca. "O edificio é incrible e ten unha luz especial. É unha mágoa que non o puidéramos ver de día e gozalo en todo o seu esplendor", apuntaba Ana María, quen xa amosou a súa intención de repetir a experiencia na quenda das 12, no marco xa das visitas guiadas que se abrirán a todos os públicos a partir do mércores 2 de novembro.

Á espera de que en primavera acolla a súa primeira grande exposición, Gallaecia Petrea, o Museo baleiro permite contemplalo como a obra de arte que é en si mesma. "Resulta impresionante. Arquitectonicamente é o máis espectacular de todos", destacou Antón, quen non dubidou en tomar imaxes dos recunchos que máis lle sorprenderon. Da mesma opinión se mostrou Alejandro, un amante da arquitectura e a arte que celebrou como no Museo de Galicia converxen as dúas á perfección. "Estou desexando que se lle dea contido expositivo, porque entón será aínda máis impresionante", apuntou. As explicacións sobre o edificio, enriquecidas cunhas nocións do proxecto ideado por Einsenman, detivéronse especialmente nos alicerces forxados que estruturan a fachada acristalada, un dos elementos máis admirados, xunto coas ondas que forman a súa cuberta.

Visitadas todas as dependencias e recibidas as explicacións necesarias para comprender un pouco máis a obra, os primeiros visitantes do Museo de Galicia abandonaron o edificio pola Biblioteca de Galicia, á que tiveron oportunidade de achegarse, cun bo sabor de boca. "Pasoume o tempo voando, foi unha visita moi didáctica e voume totalmente impresionada. É realmente espectacular", incidiu María Dolores, quen non dubida en recomendar a experiencia. Algo que farán hoxe outros corenta afortunados que, por ser seguidores do Facebook, conseguiron unha invitación para coñecer de primeira man o Museo de Galicia neste día festivo. Ademais, a partir do mércores arrancará o programa de Visitas guiadas á obra finalizada do Museo de Galicia que, en dúas quendas (12 e 6), de martes a domingo, desvelará os segredos arquitectónicos do terceiro edificio que abre as súas portas no Gaiás.

Visitar
Santiago de Compostela, 31 de Outubro de 2011