Alyce Santoro descobre a que soa o Gaiás e fai soar Galicia nun traxe

Un espectáculo de moda, música e danza serviu foi o escenario elixido para o desembarco dos tecidos intelixentes á Cidade da Cultura. O seu máximo expoñente, a artista norteamericana Alyce Santoro, foi a encargada de descubrir a que soa o Gaiás e de presentar o denominado “Traxe Sonoro Galego”, prendas de roupa confeccionadas en colaboración con músicos e deseñadores da nosa comunidade.

Coñecidos no mundo do deporte polas posibilidades que ofrecen para obter datos do corpo humano, os tecidos intelixentes atopan da man de Santoro unha función artística a través do denominado 'Sonic Fabric', un tecido feito cun 50% de cinta de casete reciclada e outro 50% de algodón que, ademais de ser fermoso e duradeiro, tamén é audible: pódese escoitar pasando o cabezal dun radiocasete ou walkman pola súa superficie.

Para a súa presentación en Galicia, a artista neoiorquina decidiu confeccionar unha tea cos arquivos sonoros dixitais remitidos por máis de sesenta bandas e músicos galegos de todos os estilos, que van dende Berrogüetto ou Martín Códax a Nadadora, Holywater ou Niño y Pistola. Listos os 25 metros de tea, tres mozos deseñadores encargáronse de darlle forma: Adrián Rivas, Antonio Santos e David del Río, os tres gañadores do desfile Debut 2011, organizado pola escola de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) da Universidade de Vigo. "É un tecido moi agradecido e fagas o que fagas todo queda ben. Recórdame ao liño rústico que se usaba antes en Galicia", asegura David del Río, que para esta ocasión fixo unha reinterpretación da saia de galega á que lle engadiu un xersei de lá con motivos confeccionados con cinta magnética. Da mesma opinión é Adrián Rivas, para quen foi "toda unha sorte" participar neste proxecto para o que dispuxo de total liberdade á hora de crear.

A presentación do denominado “traxe sonoro” tivo lugar na Biblioteca de Galicia no marco dunha íntima performance na que ademais de música, moda e deseño se deron cita paisaxistas sonoros como Juan Gil, de escoitar.org; artistas de vídeo como Horario González; e danza como Ángela Blanco, que ofreceu un sensual espectáculo cun vestuario de excepción: algunas das prendas sonoras confeccionadas para a ocasión.

Previamente, Alyce Santoro dirixiu na Cidade da Cultura un obradoiro de paisaxes sonoras no que se descubriu a que soa o Gaiás. Escoitar, rexistrar e manipular. Con estas tres claves, e provistos de gravadoras dixitais e teléfonos móbiles, os participantes neste obradoiro exploraron os sons da Biblioteca, o Arquivo, o Museo, a Galería de Servizos e os exteriores do Gaiás divididos en grupos de cinco. Uns rexistros individuais que serviron para crear, sempre dirixidos pola artista norteamericana, varios collages sonoros co obxectivo de afondar nos límites do concepto tradicional de música. "Alyce misturou os sons que cada un de nós gravou nas diferentes instalacións da Cidade da Cultura dando lugar a uns traballos realmente alucinantes", asegurou Javier, un dos participantes no obradoiro quen destacou da actividade non só a posibilidade de experimentar cos sons, senón a oportunidade de conversar con Santoro, que se mostrou encantada de compartir as súas experiencias e vivencias con todos os presentes.

Alyce introduciu aos participantes no obradoiro no mundo do Sonic Fabric, achegando unha das súas creacións feitas en Galicia co son dos cesteiros de Vigo para que puidesen non só comprobar que a tea 'canta', senón a súa textura e vistosidade.

Santiago de Compostela, 15 de Decembro de 2011