O Proxecto

A Cidade da Cultura de Galicia foi deseñada polo arquitecto norteamericano Peter Eisenman, tras un concurso internacional ao que se presentaron doce proxectos.  Elixido pola súa singularidade tanto conceptual como plástica e a súa excepcional sintonía co lugar onde se alza, Eisenman concebiu o proxecto do Gaiás como unha urbe propia.

Inspirándose no casco histórico de Compostela e as cinco rutas de peregrinación da cidade medieval que conducen á catedral, o arquitecto trasladou esta cuadrícula ao cumio da montaña. Partindo deste concepto, o proxecto orixinal consta de seis edificios conectados por rúas e unha praza como punto de unión evocando o motivo da vieira, como símbolo da peregrinaxe.

Actualmente están rematados catro edificios:

  1. O Centro de Emprendemento Creativo de Galicia
  2. A Biblioteca e Arquivo de Galicia
  3. O Museo Centro Gaiás
  4. Centro de Innovación Cultural (CINC)

O proxecto orixinal de Eisenman inclúe dous edificios máis: o Centro da Música e das Artes Escénicas e o Centro de Arte Internacional.  As obras destes dous edificios atópanse temporalmente paralizadas.