#EAN7: 40 novos xeitos de crear

A Cidade da Cultura de Galicia converteuse, un ano máis, nun fervedoiro creativo cos Encontros de Artistas Novos - #EAN7.

Corenta artistas emerxentes conviviron durante catro intensos días que lles serviron para compartir experiencias, xeitos de traballar e crear. E tamén para dar a coñecer os seus proxectos. Unha vivencia na que se viron acompañados e arroupados pola experiencia de artistas consolidados como Berta Álvarez Cáccamo, Xosé Artiaga e María Cañas. E, onde non só tiveron a oportunidade de coñecer a Cidade da Cultura, senón outros centros artísticos en Galicia, como a Fundación Eugenio Granell, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou o Museo de Arte Contemporánea (MAC) de Coruña. Polo que, ademais de tirar proveito deste Encontro como escaparate e plataforma do seu traballo, estes catro días seguro lles deixarán pegada no seu crecemento como artistas.

No entanto, é xusto salientar que todas e todos eles (15  galegos, 22 do resto de España e 3 bolseiros do Goberno da Arxentina) viñeron xa ao #EAN7 con proxectos ben interesantes que os avalaban e que tivemos a sorte de poder coñecer de preto e polo miúdo durante estes catro días. O #EAN7 permitiunos a descuberta do seu gran talento,  e tamén nos relevou o compromiso destes novos creadores co camiño escollido e sobre todo, cos problemas da sociedade onde se insiren eles e, consecuentemente, os seus traballos.

O maltrato animal, a violencia, o tráfico de armas, a denuncia de falta de transparencia na industria alimentaria, os estereotipos de xénero, o feminismo, internet ou a censura formaron parte dos discursos de moitos dos traballos presentados, nos que tamén atopamos un interese especial, como non podía ser doutro xeito, polos procesos creativos ou o universo e inquietudes persoais que se reflicten nos mesmos: como o traballo de Lorena Varela 'Así sea; Así sea; Así sea' (cuxa imaxe é portada da entrada deste blog)

Deste xeito, Raul Kalesnik presentou no #EAN7 o proxecto 'Cuerno de Chivo' sobre a violencia en México e o tráfico de armas neste país provenientes dos EUA; Manuel Franquelo advirtiunos no seu traballo sobre quen está detrás do que comemos; Los Bravú reflexionaron sobre os novos recursos estéticos e narrativos que emerxeron con internet; en  #spanishwashingMatías Daporta afondou nas pegadas que persiten aínda na industria cultural actual do protocolo censor da ditatura; Estela Castro denunciou no seu traballo a soidade, o estres e a apatía dos animais no zoo; mentras que Isabel Cortés Atance animounos a 'escoller, cantar e resitir' no seu orixinal karaoke lesbo-feminista.

Así, ata un total de 40 proxectos, diferentes e variados, pero todos igual de suxestivos e aos que lle podedes botar unha ollada na conta de Pinterest da Cidade de Cultura de Galicia. Merece a pena este mergullo para que vos fagades unha idea do enorme talento que se arrexuntou estes días na Cidade da Cultura de Galicia:  http://es.pinterest.com/cidadedacultura/

Director de EAN7: Rafael Doctor

Colabora: Deputación da Coruña

Santiago de Compostela, 01 de Setembro de 2017