O Camiño a golpe de clic

Sabes por que a cuncha de vieira é o símbolo da peregrinación? E como chegaron a Compostela tantas reliquias de países lonxanos? Sabías que durante o século XVII, a cidade de Santiago se convertiu no destino preferido dos nobres europeos? Pois todo isto e moito máis podes descubrilo na app gratuíta Camiño. A orixe, unha visita virtual pola exposición do Museo Centro Gaiás na que ademáis de coñecer as principais obras de arte que integran a mostra, o visitante pode peregrinar por séculos de historia a través de anécdotas, curiosidades e feitos históricos vinculados co Camiño.

A app gratuíta Camiño. A orixe, dispoñible para Android e IOS, permítelle aos visitantes explorar de forma autónoma, e só coa axuda dos seus dispositivos móbiles ou coas tablets que están a disposición do usuario no Museo Centro Gaiás, os grandes fitos do Camiño de Santiago, desde o descubrimento da tumba do Apóstolo no 820 d. C. ata a actualidade. A través desta aplicación, ademáis de coñecer o relato oficial e as principais obras que compoñen a mostra, o visitante pode consultar contido adicional de cada unha delas en forma de audio, vídeo, imaxes ou vínculos a outras páxinas, descubrindo por exemplo a vida do xenio Alberto Durero, unha galería de arte virtual coas obras de Murillo noutros museos ou curiosidades como a aparición das pinturas e esculturas ecuestres ou como a figura do Santiago Matamouros, presente en boa parte da iconografía do santo, tivo outras variantes como por exemplo o Santiago mataindios. O usuario atopará, ademais, información práctica que lle axude no seu percorrido como a ruta que debe seguir para chegar aos aseos, ascensores, á tenda ou á saída de emerxencia máis próxima. 

Un percorrido que pode deseñarse desde a casa, planificando a visita por adiantado, ou mesmo sen saír dela, xa que a aplicación está dispoñible de balde en www.cidadedacultura.gal, podendo acceder a todo o contido extra sen necesidade de estar fisicamente no Museo Centro Gaiás.

A aplicación está dispoñible para móbiles e tablets con sistema operativo Android e iOS (iPhone/iPad). Poderá descargarse de balde en www.cidadedacultura.gal e na tenda Google Play para Androids e na App Store para iPhones e iPads. Ademais, o Museo Centro Gaiás conta con tablets con esta aplicación xa instalada para o uso dos visitantes.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 27 de Xullo de 2015