Jean Nouvel

Jean Nouvel comezou a traballar nun despacho de arquitectura ao tempo que realizaba os seus estudos na Escola de Bellas Artes de París. Asociado con outros arquitectos, non tera un estudio propio ata 1994.

O denominador común da obra de Nouvel, moi diferente entre si, é a procura da transparencia, o xogo de luz e sombras, e mais a integración harmoniosa no contorno.
Nouvel recibiu o Gran Premio de Arquitectura de Francia pola súa obra completa, na que cómpre salientar proxectos como o Instituto do Mundo Árabe de París, o Centro Cirúrxico de Val Notre-Dame de Bezons, a Ópera de Lyon, as galerías Lafayette de Berlín ou, máis recentemente, a ampliación do Museo Nacional Raíña Sofía de Madrid ou a Torre Agbar de Barcelona.

Ateliers Jean Nouvel [www]

 

Proposta para a Cidade da Cultura

 

Pegada impresa, indeleble, inscrita no chan. A pedra, o duro… hai para moito tempo, moítisimo tempo. Pegada en sentido lineal e dinámico, a xeito de estela, trazo.

Un trazo de luz atravesa e perfora o relevo enigmático, misterioso. Símbolo dun porvir, dunha confrontación da luz e da materia, xeralmente a materia para a luz. Aquí a materia é perforada pola luz, é o lugar de encontro dos extremos, da masa e a evanescencia, do grosor e da fineza, da sombra e da luz, do invisible e do visible, da opacidade e da transparencia, do agochado e do amosado, da desaparición e da aparición. Por esas razóns fráxiles, é unha inscrición da cultura.

Sobre ese trazado as pegadas vanse arraigando, sucedéndose no tempo. Sobre o suco de luz a cultura arráigase, desenvólvese sobre un ritmo e programas que só a historia definirá: bibliotecas, museos, salas de música, teatros… Pero tamén serán lugares do mañá.