Nadal de monicreques, música e maxia na Biblioteca de Galicia

O Nadal é unha época de maxia e lusión, tamén na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura. Por iso, nestas datas tamén conta cunha programación, de balde previa inscrición, artellada ex profeso para estas festas, pensada para os e as que máis a gozan: a cativada da casa. 

Nesta ocasión, contarase cun musical de monicreques (27 de decembro), obradoiro de maxia (28 de decembro) e un espectáculo tinguido de ciencia e diversión (3 de xaneiro) para toda a familia. Tres actividades para as festas de Nadal que espertaron un enorme interese dos vosos pequenos e pequenas, xa que están todas as prazas cubertas: 

O CREBANOCES

Espectáculo para monicreques inspirado no conto de Hoffmann, e no que se emprega a música que creou Tchaikowsky, soando por enteiro a suite do Crebanoces. O espectáculo está dirixido a público familiar co que os rapaces e rapazas o pasarán fenomeal en compañía dos seus pais, nais, avós, avoas e amizades...


A CIENCIA MÁXICA

Detrás dun espectáculo de maxia podemos atoparnos en numerosas ocasións con outra realidade máis sorprendente, pois o que moitas veces semella maxia, oculta outra realidade máis sinxela: a ciencia! Isto é o que se quere amosar neste obradoiro, no que os Magos serán capaces de realizar sorprendentes trucos. Así, á vista de todos, os e as participantes poderán ver como a auga desaparece, como os líquidos poden cambiar de cor, como converter a auga en neve en segundos, ou como transformala inmediatamente en xeo en milisegundos...e moitos trucos máis!

 

BUSCANDO A ESTRELA DO NADAL

Espectáculo onde os personaxes están preocupados porque semella que o espírito de Nadal se ten perdido. É por iso que emprenden unha divertida aventura que lles fará percorrer dende as xeadas terras do Polo Norte ata as áridas areas do deserto.

Ao longo desta aventura, coñecerán personaxes tan sigulares coma os axudantes de Papá Noel, ou os amables paxes dos Reis Magos desdubrindo, deste xeito, por que a xente xa non ten ilusión; e é que a estrela que debe guiar os Reis Magos está perdida, así que a súa misión deberá ser agora atopala para que renaza de novo o espírito do Nadal.

A través deste divertido espectáculo, os protagonistas realizarán, coa axuda do público, unha chea de experimentos cos que ademáis divertirse, aprenderán conceptos como os dunha reacción química, elementos hidrófugos, os raios UVA...

En familia
Santiago de Compostela, 19 de Decembro de 2018