O león que trae sorte ao Entroido do Gaiás

Trae sorte e felicidade, ten dotes narrativas e está presente en todas as festividades importantes. A coñecida como Danza do León é un símbolo de China e o vindeiro 8 de febreiro poderemos gozar dela no Baile de Entroido co que a Cidade da Cultura lle dará a benvida ao Aninovo chinés.

Pero, que é a Danza do León? Pois unha forma de baile tradicional da cultura chinesa, que precisa dunha grande axilidade e o bo manexo das artes marciais e da que se cre que trae boa sorte e escorrenta aos malos espíritos. 

Conta a lenda que a Danza do León ou Wushi comezou a practicarse durante a dinastía Ching, despois de que o emperador prohibise a práctica das artes marciais a todo aquel que non fose militar. O pobo considerouno inxusto e decidiu inventar este tipo de danza co obxectivo de transmitir diferentes tipos de historias, entre elas o levantamento do pobo contra o emperador. Así, a Danza do León comeza co animal saíndo da cova e pouco a pouco vai manifestando os diferentes estados de ánimo: medo, ledicia, dúbidas, cansanzo… A súa misión? Atopar a leituga que representa ao emperador e comela, representando a victoria do pobo chinés ante a opresión do emperador.

Morto o emperador xa non había motivo para a danza pero o certo é que se convertiu nun símbolo do pobo, sendo hoxe en día un elemento imprescindible en calquera festa, que transmite felicidade, harmonía e diñeiro. E así o viviremos durante o Baile de Entroido Chinés, no que os alumnos dunha das escolas máis prestixiosas de España e recoñecidas en China -a Escuela de Artes Marciales y Cultura China, que dirixe o mestre D. Miguel Juzgado- poñerán en escena esta danza e repartirán sorte entre os asistentes.

Xunto a Danza do León, o Baile de Entroido Chinés contará coa música en directo da banda de rock para nenos A Gramola Gomina, que nos deleitará cos seus temazos cos que repasaremos a Historia da música moderna.

Recordade que as entradas xa están á venda no Museo Centro Gaiás e www.ataquilla.com a un prezo de 5€ pero que existen descontos e packs para familias que podedes consultar aquí. A billeteira abrirá o día do evento ás 15 horas e só poderán mercarse entradas individuais a un prezo de 6€.

 

En familia
Santiago de Compostela, 03 de Febreiro de 2016