Que facer en Santiago de Compostela: visita a Cidade da Cultura

Visita a Cidade da Cultura

Se estás a planificar que facer na túa visita a Santiago de Compostela, hai unha excursión que resulta imprescindible: a Cidade da Cultura de Galicia. O complexo deseñado por Peter Eisenman é dos exemplos máis sorprendentes da arquitectura contemporánea. Pero non só. Arte, cultura, natureza, lecer e gastronomía danse cita nesta cidade única. Para que non perdas nada, aquí che deixamos unha pequena guía para gozar de todas as posibilidades da Cidade da Cultura.

Bóla de libros. Unha enorme esfera de libros recibe o e a visitante na Cidade da Cultura. Trátase de Singularidade, unha obra da recoñecida artista visual Alicia Martín. Aínda que se instalou como unha obra temporal, hoxe é un símbolo e foto imprescindible para calquera persoa que se achegue ao Gaiás. 

O Gaiás en maqueta. No Museo Centro Gaiás, no andar 0, convidámoste á descuberta dos proxectos ideados para a Cidade da Cultura, con maquetas, planos e explicacións de arquitectos como Jean Nouvel, Rem Koolhass, Ricardo Bofill, Manuel Gallego Jorreto e, por suposto, Peter Eisenman.

Biblioteca e Arquivo de Galicia. É o momento de entrar no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia. Ademais de marabillarte coa súa sala de lectura, podedes aproveitar para visitar algunha das exposicións temporais realizadas cos fondos propios das institucións que alberga. 

Visita a Cidade da Cultura

Descubre as Torres Hejduk. Visita obrigada son as Torres Hejduk. Foron as primeiras pezas que se alzaron na Cidade da Cultura e as únicas que non pertencen a Eisenman, senón ao arquitecto John Hejduk, que as concibiu como torres botánicas para o parque de Belvís. Soe acoller intervencións artísticas, puntualmente, cada ano a gañadora do Concurso que se convoca no Encontro de Artias Novos. A última, clausurada o pasado 25 de novembro, foi AAMA( Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica),  proxecto sonoro para rescatar do esquecemento a arquitectura galega desaparecida ou transformada, lonxe dos grandes relatos arquitectónicos presentes na contorna. 

Tocando o ceo na Praza central. Non podes marchar da Cidade da Cultura sen tentar ‘escalar’ a rampa do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, á que se accede desde a gran praza central. É como tocar o ceo. Iso si, coidadiño ao baixar. Ademais, nos meses de verán, ao solpor, acolle os concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás. Entrada libre e de balde, a partir das 21 horas, os xoves, venres e sábado dos meses de xullo e agosto.

Merecido descanso na Cantina. Estás canso/a? Precisas dun café? Ou algo para comer? A Cantina da Cidade da Cultura é o espazo ideal para facer unha pausa. A Cantina conta con dous galardóns nos prestixiosos premios Restaurant & Bar Design, cos que se recoñece ao restaurante mellor deseñado en todo o mundo e ten servizo de cafetería en horario ininterrompido, ademais dunha pequena carta e un completo menú do día.

Un paseo literario. Tras repoñer forzas, achégate ao corazón da Cidade da Cultura e goza dun paseo polo Xardín Literario, un espazo verde dedicado aos escritores e poetas galegos. Sendas que discorren entre versos de Pondal ou Cunqueiro, fermosas vistas a Compostela e un pequeno lago. 

Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura

Museo Centro Gaiás.  Seis anos en activo co que xa ten consolidado un espazo referente a nivel expositivo en Santiago de Compostela e tamén Galicia. Este 2018 acolle unha cita imprescindible da axenda cultural e todo un fito histórico:

  • Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honraunha exposición que supón todo un fito xa que exhibe por vez primeira en Galicia a obra icónica 'A derradeira leición do mestre', considerada o 'Guernica galego'. Debuxada na Arxentina en 1945 polo artista de Rianxo, nunca antes tiña saído do Centro Galicia de Buenos Aires. Trátase da primeira mostra en Galicia coa simbólica pintura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, A derradeira leición do mestre (1945), e elixiuse a Cidade da Cultura de Galicia como sede. Esta obra consérvase no Centro Galicia de Buenos Aires, cidade na que foi realizada polo autor, e nunca ata agora tiña saído desta institución. A pintura, de dous metros de altura, baséase na estampa n.º 6 do libro Galicia mártir publicado por Castelao en 1937. O tema é o do mestre asasinado na Guerra Civil española ante uns nenos que se laian conmocionados. Unha escena tráxica chea de tristeza e denuncia. As descricións desta obra apuntaron o paralelismo entre o fusilamento do mestre e o do seu amigo, o intelectual Alexandre Bóveda, o 17 de agosto de 1936. Castelao maxistral recolle este testemuño e contextualiza a situación do ensino en Galicia en tempos da República e incide na importante tarefa e o grande interese de Castelao a prol dunha educación en Galicia: libre, universal e en galego, da que foi un acérrimo defensor. Precisamente, débese salientar que Castelao maxistral é o primeiro proxecto expositivo que recolle todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.
 

 Descansa no Parque do Lago. Antes de pensar en marchar, a Cidade da Cultura aínda ten gardada unha última sorpresa: o Parque do Lago. Unha extensa zona verde equipada cunha rede de sendas pola que pasear, un lago de 4.783 metros cadrados rodeado de vexetación e unha plataforma de madeira ao borde equipada con áreas de descanso.

Descenso polo Bosque de Galicia. Se aínda te quedan forzas, a despedida perfecta da Cidade da Cultura faise a través dos sendeiros do Bosque de Galicia, o novo pulmón verde de Compostela, 34 hectáreas con doce mil árbores de especies autóctonas, tras o remate da súa segunda fase no que participou dun xeito simbólico, a cidadanía e os escolares da contorna coa campaña Ponnos Verde!  


Horarios e buses:

  • Apertura ao público da Cidade da Cultura. Luns a Domingo | 8:00 - 23:00 | Permítese o acceso en vehículo privado. Consulta os horarios antes de realizar a túa visita.
  • Conexións en bus con Santiago. L9 e C11. Consulta as rutas e horarios
Santiago de Compostela, 20 de Marzo de 2017
 
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura
Que facer en Santiago: visita a Cidade da Cultura