Este verán víveo no Gaiás!

Cultura, arte, natureza e emprendemento. Con estas catro claves, a Cidade da Cultura convida a todos os galegos a vivir o Verán no Gaiás, ofrecéndolles un plan para cada día da semana.

O verán comezará oficialmente o 1 de xullo cun dos clásicos do período estival: as Visitas Astronómicas. Da man do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, o Gaiás volverá converterse nun extraordinario lugar onde ollar o ceo e descubrir os planetas, contemplar as estrelas e gozar con noites máxicas como a das Bágoas de San Lourenzo. A noite tamén será protagonista do Museo Centro Gaiás cunhas visitas nas que combinar arte, gastronomía e música. Será a través das Nocturnas, percorridos guiados ao caer o sol nos que descubrir unha nova cara da mostra Con-fío en Galicia, seguidos dunha sesión de boa música e unha cata de viños da D.O. Ribeiro.

Na segunda semana de xullo, dous clásicos e unha novidade. A partir do xoves 7 de xullo, a praza central da Cidade da Cultura volverá converterse no escenario de Atardecer no Gaiás, o ciclo de música co que desexarás que se poña o sol. Un total de 18 concertos de balde e catro proxeccións audiovisuais con sesión DJ virán a completar este ano as tardiñas dos xoves, venres e sábados de xullo e agosto. Ese mesmo día, patrimonio, deporte e natureza irán da man na sexta edición de Camiño ao Gaiás, o programa de roteiros co que descubrir novas visións da cidade de Compostela. A Fundación USC Deportiva guiaravos desde a oficina de de Turismo de Santiago, na rúa do Vilar, ata o Gaiás nun percorrido no que poder descubrir o Bosque de Galicia e que concluirá coa visita de balde á exposición Con-fío en Galicia. E como novidade, unha actividade pensada para os máis pequenos: Deseños minúsculos, valores maiúsculos, catro obradoiros independentes cos que se busca potenciar a curiosidade dos nenos polo deseño, estimular o seu talento creativo e sacar a relucir as súas aptitudes artísticas da man de destacados profesionais da ilustración, a artesanía, a moda e o deseño.

A gran cita familiar do verán chegará o 20 de agosto da man de Cidade Imaxinaria, todo un día cheo de espectáculos, xogos e obradoiros para os pequenos e non tan pequenos. 

Xa case en setembro será a quenda dos novos creadores grazas ao VI Encontro de Artistas Novos, que reunirá no Gaiás a corenta mozos para compartir os seus proxectos entre eles e con figuras da arte xa consolidadas como Alicia Martín, Lino Lago e Ruth Montiel.

Tres meses nos que ademais se poderá gozar exposición Con-fío en Galicia no Museo Centro Gaiás (ata o 11 de setembro), Quefaceres e equilibrio de Sonia Navarro nas Torres Hejduk (ata o 21 de agosto), Rostros do país de Xurxo Lobato na Biblioteca e Arquivo de Galicia (15 de xullo-18 de setembro) e Homo Ludens, de Román Corbato e Miguel Benjumea nas Torres Hejduk (a partir do 1 de setembro).

A programación de verán na Cidade da Cultura inclúe tamén dúas grandes citas para as ideas innovadoras e o emprendemento.  O 16 de xullo terá lugar o TedxGalicia, que volverá tomar o Museo Centro Gaiás para convertelo no escenario propicio para reflexionar ao redor do lema ‘De que está feito o futuro?’. Finalmente a Cidade da Cultura de Galicia acollerá do 29 de setembro ao 1 de outubro de 2016 o Spin2016. Baixo o lema Creando Cultura Emprendedora, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica reunirá a 2.000 emprendedores, estudantes, investigadores, empresarios, investidores e académicos de 20 países, e ofrecerá apoio directo a 150 proxectos e startups nadas da Universidade. 

 
Santiago de Compostela, 14 de Xuño de 2016
Verán no Gaiás 2016