A Biblioteca de Galicia feita laboratorio

En novembro volve o Mes da Ciencia en galego na Biblioteca de Galicia, un programa de actividades que está permitindo afianzar entre as xeracións máis novas que a ciencia e as bibliotecas son divertidas e enroladas. Ademais, o feito de que o galego sexa a lingua vehicular para o desenvolvemento das accións, confirma a permeabilidade e o uso, cada vez maior, da nosa lingua en calquera disciplina, neste caso, nas científicas e técnicas.

Con esta filosofía triple, a Biblioteca de Galicia destinará toda a súa programación de novembro a obradoiros científicos, de entrada de balde previa inscrición en cidadedacultura.gal, dirixidos a rapazada entre 11 e 15 anos de idade. Desde unha perspectiva amena, pero sen mermar o carácter instrutivo, instaráselles en todos eles a investigar, experimentar e atopar novas e interesantes descubertas entre os seus andeis, demostrando que o coñecemento e a diversión no teñen porque estar enemizados.

ANA MARÍA VIÉITEZ, UNHA CIENTÍFICA DE CONTO

O Mes da Ciencia en galego na Biblioteca de Galicia comeza o sábado 3 de novembro cun obradoiro que ten como fío condutor a vida de Ana Mª Viéitez. Con esta actividade búscase, por unha banda, dar a coñecer o labor desta científica galega que durante 40 anos traballou no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC), así coma afondar na súa traxectoria que é digna de conto; o conto dunha nena que quería ser científica.

Deste xeito, as e os participantes achegaranse o mundo das árbores e da biotecnoloxía, a través dun obradoiro experimental con sementes para coñocer a propagación por métodos tradicionais das principais especies forestais galegas.

Acompañarase a actividade cunha exposición de sementes e de cultivos in vitro de diferentes especies como: castiñeiros, carballos, olmos, bidueiros, cerdeiras, maceiras… coas que traballou Ana M.ª Vieitez, e continúa a traballar o grupo de Biotecnoloxía e Mellora Vexetal que ela formou.

A PEGADA DOS PEIXES

Os peixes son animais vertebrados que ocupan unha gran variedade de hábitats no medio acuático e, para adaptarse a estes ambientes, desenvolveron morfoloxías moi diversas. Convidaráselles neste obradoiro aos rapazas e rapaces participantes a fixarse nas súas aletas, na posición da súa boca ou no tamaño dos seus ollos para observar as distintas formas que presentan. O obxectivo e que se fagan pregungas tales como: Por que son tan diferentes un ollomol ou unha pescada? Para que lles serve cada aleta? Por que uns teñen uns ollos tan pequenos e outros tan grandes? Como é un peixe plano cando nace?

A través desta actividade, daráselles resposta a estas cuestións dun xeito creativo e divertido. Así, poderán palpar as distintas anatomías dos peixes e empregarase unha técnica de expresión artística xaponesa (O Gyotaku) para plasmar en papel e téxtil estas anatomías tan diversas e curiosas.

ENRÓLATE COA ROBÓTICA

Neste obradoiro, impartido pola Institución Galega da Ciencia, os/as participantes familiarizaranse co mundo da robótica a través da presentación, demostración e resolución de desafíos en equipos con LEGO EV3.

En familia
Santiago de Compostela, 18 de Outubro de 2018