Moda, arte e museos, con Guillermo Solana

Que lles aportan aos grandes museos de arte as exposicións de moda? Grande afluencia de visitantes, públicos non habituais –especialmente mozos e adolescentes-, renovar a súa imaxe –dotándoos dunha apariencia máis fresca, nova e mesmo sexy- e un orzamento razonable. E ás firmas de moda? Que lle aporta un museo? Un escenario fantástico, que lles quita un pouco de comercial e lles dá un aire de eterno. Así o resumiu esta mañá Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza, que se achegou ata o Museo Centro Gaiás para falar de arte, moda e museos nas Xornadas Académicas que se están a celebrar no marco da exposición Con-fío en Galicia.

Baixo o título A moda nas exposicións dos grandes museos de arte, Solana reflexiounou sobre a relación moda-museo, na que a museoloxía da moda acabaría impoñéndose á tradicional museoloxía do traxe, dando lugar a mostras nas que impera o espectáculo, o consumo, a imaxe e o contemporáneo. Solana referiuse á exposición Impressionism, Fashion and Modernity, levada a cabo entre o Orsay de París, o Metropolitan de Nova York e o Art Institute de Chicago, como a mostra que mellor exemplifica o que buscan as exposicións de moda actuais. “Marcou a nosa conciencia sobre o que a moda pinta nos museos”, asegurou Solana, quen destacou que a mostra buscaba unha experiencia moi visual, moi real, na que os personaxes saen dos cadros e cobran vida. “O gran público ama ver escenificado na realidade o que viu nas obras de arte. E se é diante dos propios cadros, mellor”, engadiu. Mais o director do Museo Thyssen estableceu unha relación máis íntima entre os museos e a moda, evidenciando que os deseñadores –e tamén os medios de masas- se nutren de iconas da Historia da Arte para as súas creacións. 

Solana aproveitou a súa intervención para rebater as dúas críticas que se lles fan aos museos cando deciden realizar una exposición sobre moda: entregarse ao espectáculo, sen ningún tipo de reflexión ou análise, e caer nos brazos das grandes compañías. Para iso, o director artístico do Museo Thyssen realizou un percorrido polas propias mostras temporais, que inclúen Vogue like a painting, Mario Testino. Todo o nada, El arte de Cartier ou Hubert de Givenchy, e que deixou para a reflexión unha frase tan dura como certera: “A arte antiga está deixando de ser viable por moito que a amemos”. 

 

Santiago de Compostela, 07 de Xuño de 2016
Arte, moda e museos