Culturgal une ao mundo da empresa co da cultura

Estreitar lazos entre o mundo da empresa e o da cultura faise cada vez máis necesario nuns tempos especialmente difíciles e ante uns mercados cada vez máis esixentes. Esta foi unha das reflexións que puideron escoitarse no primeiro día do Culturgal 2011, a Feira das Industrias Culturais que se celebra ata o vindeiro domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra. Da man do estudo de deseño Uqui Cebra e dos cociñeiros do Grupo Nove, os asistentes ao Foro empresarial de Culturgal puideron coñecer de primeira man como a creatividade e a cultura son unha importante ferramenta de desenvolvemento económico.

A propia deseñadora e o cocinero Pepe Solla foron os encargados de presentarlle ao público "Rías Baixas, territorio gastronómico", experiencia colaborativa na que a través do deseño, da innovación á hora de comunicar e da gastronomía creativa se promociona esta destacada zona turística da comunidade. Un obxectivo que foi máis alá xa que, segundo corroborou o propio Solla, o traballo de reflexión conxunto entre cociñeiros e deseñadora serviu para chegar a través de diferentes formatos a públicos moi diversos aos que non se chegaría con outras accións promocionais das súas marcas.

Este é tan so un dos moitos exemplos de éxito conseguidos cho binomio cultura-empresa, relación que será abordada máis polo miúdo no Encontro Internacional Economía e Cultura que a Cidade da Cultura celebrará os días 16 e 17 de febreiro de 2012. Como antesala á presentación de Uqui Cebra e o Grupo Nove, un dos responsables de programación cultural do complexo do Gaiás, Marcos Lorenzo, debullou parte do programa deste encontro intersectorial no que non só se abordarán casos de éxito, senón que se hacheará un catálogo de boas prácticas para mellorar a xestión empresarial e diversificar as fórmulas de financiamiento e se celebrarán encontros empresariais nos que atopar compañeiros de viaxe para emprender proxectos novedosos e innovadores. A presenza do Encontro Internacional Economía e Cultura no Culturgal continuará durante toda a fin de semana co convencemento de que esta unión contribuirá decididamente a fortalecer a economía produtiva de Galicia.

Santiago de Compostela, 02 de Decembro de 2011