Emerxente deseño galego feito cadeira

Cadeiras que poden reflictir á perfección a canteira do deseño do moble galego actual, onde se irmanda innovación, sen renunciar á tradición; e risco sen que iso supoña unha merma na  funcionalidade.  Elementos-ingredientes que, sen dúbida, tiveron en conta os gañadores do Concurso de deseño e realizacion de cadeira, que lanzou a Fundación Cidade da Cultura de Galicia con motivo do colofón da exposición Da árbore á cadeira  que acolle o Museo Centro Gaiás ata o 5 de novembro. O certame estivo dirixido aos centros de FP de madeira e a escolas de Arte e Superior de Deseño.

Como resultado,  dous gañadores con dous modelos moi diferentes, pero que cumpriron con rigor as bases do concurso: deseñar unha cadeira en madeira natural para empregar como cadeira de terraza de bar, pregada ou que poida amontoarse. 

 

Os modelos presentados axudan a entender a variedade, creatividade e potencial que existe, na actualidade, entre os novos creadores no deseño inmobiliario en Galicia.

Deste xeito, o primeiro premio foi para  a cadeira que pode ser pregada, de Nicolás Nieto Cores, alumno de 4º curso da EESS Deseño de Produto da EASD Mestre Mateo e que está, na actualidade, gozando dunha Bolsa Erasmus en Milán (Italia).

 

Mentre que o segundo  premio foi para a cadeira de terraza que pode amontoarse e encaixar por debaixo ou enriba doutra.  Elaborada por Francisco Javier Besteiro Gayoso, Juan Manuel Candal Pajón, Jesús Gayoso Valín, Iván Pérez Vázquez, Diego Regueiro García.  Todos eles do Ciclo Medio de Carpintaría e Moble do C.I.F.P. Politécnico de Lugo, con idades comprendidas entre os 17 e os 45 anos.

 

A diferenza, entón, entre ambas as dúas cadeiras gañadoras non está só no seu deseño, senón tamén na formación dos seus novos creadores: Nicolas Nieto Cores, procedente máis estritamente do ámbito do deseño; mentres que os do C.I.F.P. Politécnico de Lugo están máis orientados á fase xa de execución e, polo tanto, acostumados, ata este concurso, a traballar xa cun deseño feito e de encargo.

Precisamente, a súa mestra, Carmen Casal López, quixo pór en valor este concurso porque lles obrigou os seus alumnos a enfrotarse --e con éxito-- a un novo reto. "O que non hai dúbida é que ter participado neste concurso foi unha experiencia moi boa para todos e sobre todo, para os alumnos acostumados a reproducir mobles xa feitos e xa testados", indiciu.

Así, salientou que esta forma nova de experimentar con "erros" e "atrancos" supuxo unha estupenda aprendizaxe continua durante o camiño no que, entre outras moitas conclusións,  fixo que se deran conta de que "non hai que ter medo a innovar, emprender e materializar todas aquelas ideas que poidas ter". 

COMPARTEN ESPAZO CON GRANDES DO DESEÑO

Estas dúas cadeiras gañadoras pódense ver estes días na Cidade da Cultura de Galicia, compartindo espazo coas pezas dos deseñadores pioneiros e actuais que forman parte da exposición Da árbore á cadeira:  Xosé Bar Bóo, os irmáns Alejandro e Jesús De la Sota eIsaac Díaz Pardo. Xunto a eles, prestixiosos arquitectos e deseñadores galegos contemporáneos, cunha selección de más de trinta pezas de nomes como Manuel Gallego, Jesús Irisarri, Noguerol e Díez, Iago Seara, Carlos Quintás, Tomás Alonso, Elías Cueto, Iñaki Leite ou Cenlitrosmetrocadrado.

Santiago de Compostela, 22 de Outubro de 2017